CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os interioristas de 'Escapárate' afrontan hoxe o seu reto nun comercio de belas artes e nunha tenda de mascotas

16/09/2019

Tanto Cristina coma Pedro, os dous propietarios, consideran que xa é hora dunha boa remodelación e, para afrontar este cambio, chamaron o programa da TVG (22.10 h)

Os interioristas de 'Escapárate' afrontan hoxe o seu reto nun comercio de belas artes e nunha tenda de mascotas

Santiago, 16.09.2019.- Para convidar o espectador a saír de novo á rúa a mercar, a TVG ofrece este luns a segunda edición 'Escapárate', un programa que propón adentrarse nas tendas de toda a vida que loitan por saír a flote. Co obxectivo de axudar a recuperar o comercio local comezando polo que primeiro se ve, dous comercios, dirixidos por senllos profesionais, compiten cada semana para ver quen consegue preparar o mellor escaparate. Clara Copena e Daniel Pérez dirixirán cadanseu escaparate nun máximo de 12 horas.

'Escapárate' desprázase hoxe á cidade da Coruña e a Vilagarcía de Arousa, para coñecer dous establecementos que traballan con xéneros que van do artístico ao exótico: Molduras Crispe, un comercio de belas artes, e Pajarería Rodri, unha tenda de mascotas. Tanto Cristina coma Pedro, os dous propietarios, consideran que xa é hora dunha boa remodelación e, para afrontar este cambio, chamaron ao programa da TVG.

Clara atoparase cun reto complicado en Molduras Crispe: dous escaparates enormes, ateigados de cadros, pinturas, marcos e materiais. A expresión artística horror vacui, que significa literalmente medo ao baleiro, sería a mellor forma de describilo, xa que resulta complicado atopar un oco sen nada. O conxunto é recargado e pouco harmonioso, algo que non debería transmitir unha tenda de belas artes.

Mentres Clara trata de sintonizar cos soños de Cristina, o seu contrincante, o interiorista Daniel Pérez, diríxese cara á tenda de paxaros e paxareiras de Rodri, un negocio familiar que xa pasou por tres xeracións e que na súa orixe foi un comercio de materiais de construción, que tamén vendía animais como loros ou monos. A tenda ten un escaparate con moi pouco rendemento, con só unha mostra de produtos no chan, que se perden no fondo coas vistas da tenda. Fáltalle iluminación, fáltalle impacto e resulta moi doado pasar ao lado del sen fixarse.