CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os informativos da TVG aumentan a súa audiencia no mes de marzo ata o 18,6%

01/04/2019

A Galega foi a canle que máis medrou este mes en Galicia, e acadou o 10% de cota de pantalla no prime time

Os informativos da TVG aumentan a súa audiencia no mes de marzo ata o 18,6%

Santiago, 01.04.2019.-  Televisión de Galicia acadou no mes de marzo un 10% de cota de pantalla no prime time, o horario de máis audiencia, e un 9,9% no conxunto do día. Isto fai que sexa a canle que máis medrou en Galicia neste mes, cinco décimas no conxunto do día e seis décimas no prime time. En canto ao perfil da audiencia, é salientable que a faixa de idade en que máis medra a canle galega está entre 25 e 44 anos.
    
Por faixas horarias destaca a informativa, de 13:30 a 15:30 h a Televisión de Galicia acada o liderado cunha cota do 18,6% no conxunto do mes, superando en 5,2 puntos a seguinte canle, (Tele 5, cun 13,4%). No período de luns a venres a media é de 19,6% e supera o seguinte competidor en 5,3 puntos de cota (Antena 3, cun14,3%).

O liderado dos informativos baséase na fidelidade da audiencia do ‘Telexornal mediodía’ de luns a venres, que sobe 1,6 puntos de cota, ou do ‘Telexornal serán’ da fin de semana, con 9 décimas de cota máis este mes de marzo. As faixas de prime time dos xoves, (11%), os venres (10,5%) e os domingos (10,3%) superan a media do mes ao ser nas que máis galegos e galegas seguen a canle pública.

A Galega segue a ser un dos principais motores de FORTA e superou este grupo en 1,4 puntos no conxunto do mes e en 1,6 no prime time. Dentro das canles autonómicas, mantén a segunda posición no conxunto do día, só superada por TV3.