CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os espectadores de 'Era Visto!' verán como un accidente causado por un corzo revoluciona Lameiro

17/07/2017

Este espazo de humor da TVG destacará de novo polas divertidas conversas que mantén Moncho, o pai da familia, sobre a súa contorna

Os espectadores de 'Era Visto!' verán como un accidente causado por un corzo revoluciona Lameiro

Santiago, 17.07.2017.- O espazo 'Era Visto!' (22.10 h.), inspirado en historias e personaxes do universo rural galego, continúa este martes coa súa proposta de humor costumista, un xeito diferente de achegarlle ao gran público unha comedia familiar alternativa á ficción tradicional, en que destacan as conversas de Moncho (Federico Pérez), un pai de familia que intenta afacerse aos cambios da sociedade, coa súa contorna.

Nesta ocasión, os espectadores da TVG verán como un accidente de circulación causado por un corzo recibe un trato tan comprensivo por parte das autoridades que todo Lameiro decide acudir aos corzos para solucionar calquera tipo de problema.

Noutra das historias da noite, Moncho crávalle por casualidade unha agulla a Lino. Desde ese momento comeza a practicar, sen ningunha idea, con todo Lameiro. Finalmente, no último sketch, Kevin suspende todas as materias e decide buscar un traballo. Vendedor ambulante de peixe non semella ser o posto perfecto para un descerebrado como Kevin José, pero o rapaz está cheo de recursos inesperados.