CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os espectadores de 'Come a comarca' coñecerán esta noite a riqueza gastronómica de Deza

25/03/2020

O equipo de cociñeiros do programa enfrontaranse aos mellores profesionais da zona preparando empanada de liscos, minihamburguesas de cocido e rosquillas

Os espectadores de 'Come a comarca' coñecerán esta noite a riqueza gastronómica de Deza

Santiago, 25.03.2020.-  Televisión de Galicia ofrece este mércores a segunda entrega do programa 'Come a comarca' (22.30 h), en que cinco cociñeiros afeccionados viaxan a cada unha das comarcas galegas para coñecer os seus pratos típicos e enfrontarse aos mellores cociñeiros profesionais de cada zona preparando os pratos en que son especialistas.

O equipo de cociñeiros de 'Come a comarca' visita hoxe a comarca de Deza para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o seu menú máis tradicional, composto por empanada de liscos, mini-hamburguesas de cocido e rosquillas.

Alejandro Iglesias, xefe do restaurante Cabanas, será o encargado de guiar os concursantes pola gastronomía do Deza. Para aprender a preparar estes pratos, os cociñeiros afeccionados irán a Embutidos La Lalinense, en Lalín, a aprender a facer un cocido reinventado en hamburguesa. En Prado, Lalín, visitarán o Muíño de Cuíña e aprenderán a facer as mellores empanadas do mundo con Carme Pillado e Lola Sangiao, dúas senlleiras gañadoras da Empanada de Bandeira. Por último, visitarán os veciños de Abades, en Silleda, para que lles ensinen a amasar e darlle forma á sobremesa máis característica da comarca, a rosquilla.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, na Praza da Igrexa de Lalín, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Alberto González e Esperanza Taboada, do Bodegón Currás (Lalín); as irmás Cristina e Cecilia Sanmartín, de Casa San Martín (O Corpiño, Lalín), e José Marcelino Varela, da Confitería Tábora (Silleda). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da comarca será quen decida o equipo gañador.