CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os espectadores da TVG viaxarán este mércores a 'Grandes lugares' de Mugardos, Pol e Ribadavia

15/11/2017

O espazo coñecerá “trotamontes”, veciños que non só gozan do patrimonio natural de Mosteiro, senón que son os encargados de velar porque o monte medre san e sexa accesible para calquera

Os espectadores da TVG viaxarán este mércores a 'Grandes lugares' de Mugardos, Pol e Ribadavia

Santiago, 15.11.2017.- No programa desta semana, 'Grandes Lugares' (23.45 horas) visitará as aldeas do Seixo, no concello de Mugardos; Mosteiro, con concello de Pol, e Santo André de Camporredondo, en Ribadavia.

O Seixo é un gran lugar da parroquia de Santiago de Franza, no concello coruñés de Mugardos. Para conseguir un campo da festa naceu a súa Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo, unha asociación que mobiliza hoxe en día toda a parroquia. O programa visitará Panadaría Iglesias, un negocio artesán con historia, e comprobará a afección polo teatro dos seus veciños.

O seguinte destino será Mosteiro, no concello lucense de Pol. Os seus veciños son xente da terra, viven da contorna e saben tamén gozar dela. O río Azúmara baña este territorio de arquitectura popular e de fauna e de flora autóctonas. Ao que convida este gran lugar é a percorrelo, así que o espazo da TVG coñecerá “trotamontes”, veciños que non só gozan do patrimonio natural de Mosteiro, senón que son os encargados de velar porque o monte medre san e sexa accesible para calquera. A madeira para zocas e para monicreques non é a única materia prima que se coida neste gran lugar, onde Sara lle consegue sacar o máximo partido á la.

Finalmente, Santo André de Camporredondo pertence ao concello ourensán de Ribadavia. Neste gran lugar o viño manda, xa que é a zona con máis bodegas do Ribeiro. Son seis os colleiteiros: Casal de Armán, Canción de Elisa, Casal de Paula, Elisa Collarte e Cume do Avia. 'Grandes lugares' coñecerá tamén Eira de Mouros, a aldea onde medraron os antepasados de Álvaro, Fito, Diego e Anxo, que reviviu grazas a viñedos cen por cento ecolóxicos. Case tanto como o viño é popular en Santo André unha sobremesa do máis galega e é que o leite frito que prepara Rosita non é un leite frito calquera. Santo André é un lugar de ida e volta, pero moitos chegaron para non marchar. Hai quen atopou aquí a súa casa despois dunha vida ambulante, como é o caso de Antonio.