CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os espectadores da TVG poderán achegarse aos anos da construción da catedral de Santiago coa serie 'O final do Camiño'

10/01/2021

Esta superprodución (22.25 h) conta con actores da talla de Javier Rey, Cristina Castaño, Antonio Velázquez e Begoña Maestre e amosa un tempo de loitas entre cristiáns e musulmáns e disputas polo poder entre os distintos estamentos sociais

Os espectadores da TVG poderán achegarse aos anos da construción da catedral de Santiago coa serie 'O final do Camiño'

Santiago, 10.01.2021.-   No ano en que descubrimos unha nova catedral de Santiago e en que comeza un Xacobeo que durará ata 2022, os espectadores da Televisión de Galicia van coñecer a partir deste domingo a historia xamais contada da construción do templo compostelán grazás á serie ‘O Final do Camiño’.

Durante os últimos anos, a catedral pasou por unha gran restauración para volver lucir en todo o seu esplendor. Un esplendor que comezou a fraguarse no século XI, cando comezaba a súa construción e ata onde leva a trama de ‘O Final do Camiño’, que amosa o inicio do fenómeno xacobeo.

Inspirada en feitos reais, esta superprodución de Voz Audiovisual conta no seu elenco con actores da altura de Antonio Velázquez, Javier Rey (protagonista de ‘Fariña’), Guillermo BarrientosBegoña Maestre, que lles dan vida aos irmáns Gonzalo, Pedro e Estevo de Catoira, e a Elvira, a muller do primeiro. Tamén conta con Cristina Castaño como raíña Constanza e con actores galegos coma Xavier DeiveTito AsoreyAntonio Durán ‘Morris’Antonio MourelosManuel RegueiroMiguel Ángel Blanco e Fernando Morán.

‘O Final do Camiño’ recrea os difíciles anos da construción da catedral de Santiago, entre 1075 e 1120. A través da vida de tres irmáns e as súas relacións con distintos personaxes históricos coma os bispos Peláez e Xelmírez ou a raíña dona Urraca, os espectadores asistirán a un tempo de loitas entre cristiáns e musulmáns e disputas polo poder entre os distintos estamentos sociais.

A serie foi rodada en diferentes puntos de Galicia, para o que se reconstruíron espazos da Compostela medieval. Nesta ficción, o espectador atopará moita acción, espectaculares escenarios e a recreación da vida naquela época, para o cal interviron numerosos extras que dan forma a batallas, desembarcos e pelexas.

‘O Final do Camiño’ arranca logo de que un ataque sarraceno arrase a vila de Catoira. Gonzalo, de 14 anos, consegue salvar o seu irmán Estevo, de 10, pero non pode impedir o asasinato da súa nai nin o secuestro do seu irmán Pedro, de 12, por guerreiros musulmáns. Os dous cativos viaxan cos superviventes do ataque a Santiago, onde se está a construír a catedral.

Dez anos despois, Estevo traballa como aprendiz baixo as ordes de Bernardo o Vello nas obras do templo, que xa toma forma. Soña con ser construtor, pero parece carecer do talento necesario, ata que un misterioso monxe lle comeza a facilitar solucións arquitectónicas nunca vistas. Gonzalo, pola súa parte, é xefe da Garda do bispo de Compostela, Diego Peláez, e está casado con Elvira, a boticaria da cidade. Pese ao ben que lle van as cousas, non se libra da culpa de abandonar o seu irmán Pedro. Porén, a chegada á cidade da raíña Constanza cambiará a súa vida e a historia. A raíña viaxa a Compostela para conseguir a prata da cidade e, con ela, axudar a Afonso VI no sitio de Toledo e tamén para informar a Gonzalo de que o seu irmán está vivo e preso alí.

Pola súa parte, a súa muller, Elvira, terá que facer fronte aos intentos de Tomás por controlar os negocios relacionados co hospital en que traballa. O comerciante controla pola forza todos os negocios dunha próspera Compostela, que comeza a recibir peregrinos e non deixa de medrar.