CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os cociñeiros de 'Come a Comarca' prepararán no Baixo Miño salpicón de lagosta, lamprea á bordelesa e tatín de mirabeis

28/07/2020

Unha vez desvelados os segredos das receitas, enfrontaranse nun concurso popular aos mellores da zona facendo eses pratos (22.05 h)

Os cociñeiros de 'Come a Comarca' prepararán no Baixo Miño salpicón de lagosta, lamprea á bordelesa e tatín de mirabeis

Santiago, 28.07.2020.-    O Baixo Miño é esta semana o destino do programa ‘Come a Comarca’ cuxo equipo de cociñeiros intentará coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a preparar o menú máis tradicional da zona, integrado por salpicón de lagosta, lamprea á bordelesa e torta tatín de mirabeis.

Chus Castro, do restaurante Bitadorna, será a encargada de guiar os concursantes pola gastronomía do Baixo Miño. Estes irán empaparse da tradición gastronómica da lagosta nestas terras da man de Diego, lagosteiro da cetárea Langosteiros da Guarda. Na Guarda será tamén onde aprendan como cociñar este animal e para iso visitarán a Carmen, do restaurante Alborada. En Tabagón, no Rosal, van aprender como se colle a lamprea, para o que contarán coa axuda de Adolfo, experto pescador deste manxar milenario. Pero será a sabedoría de Fina, de Tui, a que terán que reter para facerse con todos os trucos da preparación da lamprea á bordelesa. Por último, irán xunto a Salvador, de Froitas do Rosal, para aprender sobre a historia e o cultivo dos mirabeis. Con esta froita pódense facer unha chea de sobremesas, como ben sabe Nida, veciña do Rosal, quen será a encargada de ensinarlles a facer unha deliciosa torta tatín de mirabeis.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, no restaurante Lugar de Oia, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Carmen Baz, do restaurante Xeito (A Guarda); Pilar Blanco e Laura Méndez, do restaurante El Molino (Tui) e Rosa Cerejido e Carmen Lorenzo, da Casa da Pintora (O Rosal). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños será quen decida que equipo ‘come a comarca’ do Baixo Miño.