CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os centros escolares de Caldas, Noia e Sarria gañan os primeiros Premios #DígochoEu

14/06/2022

O CEIP Plurilingüe San Clemente de Caldas de Reis gañou o #DígochoEu de Ouro; o IES Virxe do Mar de Noia, o #DígochoEu de Prata, e o CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López do Oural, en Sarria, gañou o #DígochoEu de Bronce. O IES Basanta Silva de Vilalba levou o premio especial do xurado

O acto, conducido por Esther Estévez e Carlos Amado, reuniu 500 nenos e nenas de toda Galicia na gala dos Premios #DígochoEu

Os centros escolares de Caldas, Noia e Sarria gañan os primeiros Premios #DígochoEu

Santiago de Compostela, 14.06.2022.-  O CEIP Plurilingüe San Clemente de Caldas de Rei é o gañador do Premio #DígochoEu de Ouro da CRTVG. Na gala de entrega destes galardóns, celebrada este martes pola tarde na Cidade da Cultura de Santiago, foron tamén galardoados o IES Virxe do Mar de Noia, co premio de Prata, e o CEIP Plurilingüe Antonio Fernández López do Oural, en Sarria, co #DígochoEu de Bronce. Todas as imaxes da gala, AQUÍ.

A proposta do centro gañador do premio de Ouro, dotado con 2.000 euros, xira arredor das orquestras, a música e os concertos. Pola súa parte, o vídeo gañador do premio de Prata, con 1.000 euros, alude á creación audiovisual e ensina as palabras máis empregadas neste sector. E o premio de Bronce, dotado con 500 euros, foi para o vídeo dos nenos do Oural sobre a letra J na lingua galega.

Os dez vídeos finalistas foron gravados coa colaboración do equipo do #DígochoEu, que visitou cada centro escolar para que Esther Estévez participase na peza co alumnado e poden verse no YouTube da CRTVG. Nesta tarde de festa da lingua, o xurado outorgou tamén un premio especial ao vídeo presentado polo IES Basanta Silva (Vilalba), que supón 200 euros e a emisión do seu vídeo. Nos premios, a CRTVG conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis. Os dez vídeos finalistas levan 1.300.000 visualizacións nas canles dixitais.

A festa de hoxe, que estivo conducida polos xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado, reuniu arredor de 500 nenos e nenas de toda Galicia, alumnos dos centros finalistas, e contou coa actuación do grupo galego de rock Monoulious Dop.

O xurado desta primeira edición dos Premios #DígochoEu estivo composto por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura; polo actor Adrián Castiñeiras e pola coñecida tiktoker e colaboradora da TVG Laura Franco. Os primeiros Premios #DígochoEu recibiron preto de 200 propostas de centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia.

#DígochoEu, 171.000 seguidores e máis de 50 millóns de reproducións

#DígochoEu é un proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu), onde xa ten máis de 171.000 seguidores. Ademais, os vídeos co cancelo #DígochoEu superan os 50 millóns de visualizacións en TikTok. Así mesmo, pódese seguir tamén en Twitch, cun streaming semanal na noite dos mércores, xunto co actor luso Rodrigo Paganelli. É a conta galegofalante nesta plataforma con máis seguidores. Esta intensa actividade nas redes sociais consolidou este proxecto dos medios públicos como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia.

Recoñecementos ao #DígochoEu

Neste 2022, #DígochoEu acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión, e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión. O espazo gañara días antes tamén o Premio Deleite á Promoción da Lingua no marco do mesmo certame. E ao longo do pasado 2021, #DígochoEu recibiu o Premio Paraugas de Comunicación e Márketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.