CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os cantantes Diego Martín e Dama presentan esta noite en 'Bamboleo' os seus novos traballos

15/02/2020

O espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro seguirá ofrecendo as actuacións das mellores orquestras do momento, coa visita esta noite da formación Olympus

Os cantantes Diego Martín e Dama presentan esta noite en 'Bamboleo' os seus novos traballos

Santiago, 15.02.2020.-    O espectáculo e o entretemento familiar chegan, un sábado máis, ao programa ‘Bamboleo’ (22.00 h), que hoxe contará coa presenza do cantautor e actor murciano Diego Martín, que, tras dous anos de parada musical, volve cun novo proxecto, o sinxelo ‘Te extraño’, un traballo fiel ao seu estilo e coa súa esencia musical intacta.

Ademais, os espectadores da TVG gozarán coa proposta da cantante sevillana Damaris Abad, coñecida artisticamente como Dama, que regresa á música coa bachata ‘Amor de verdad’, un xénero que a apaixona.

Como é habitual, o espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro seguirá ofrecendo as actuacións das mellores orquestras do momento, coa visita esta noite da formación Olympus.

No escenario tamén estarán dous aspirantes que competirán coas súas voces e interpretando dúas cancións de dous artistas coñecidos na proba do ‘Agora ou Nunca’. Nesta ocasión enfrontaranse Bea González, cantando ‘Capote de grana y oro’, de Juanita Reina, e José Manuel Ordóñez, que interpretará ‘Caballo viejo’, de Roberto Torres.

Ademais, coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, con Leti e Inés competindo no karaoke coa canción ‘Picky’, de Joey Montana, e ‘Dirtidansi’, onde Pedro e Noelia bailarán unha bachata.