CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 'Zigzag' da TVG fai dez anos, con máis de 2.000 programas de compromiso coa cultura galega

17/01/2020

O espazo, en antena os sete días da semana, é o máis galardoado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual, con cinco Mestre Mateo

É un referente no panorama nacional, xa que non hai outra aposta semellante, de luns a domingo, en ningunha canle xeralista

O 'Zigzag' da TVG fai dez anos, con máis de 2.000 programas de compromiso coa cultura galega

Santiago, 17.01.2020.-   O programa 'Zigzag', o buque insignia da proposta cultural da Televisión de Galicia, fai dez anos. O 18 de xaneiro de 2010, a Galega abría na súa segunda canle un punto de encontro diario co mundo da cultura feita no país, cun equipo liderado por X. L. Muñoz e María Solar. Con máis de 2.000 programas emitidos, 'Zigzag' é hoxe un referente imprescindible no eido cultural e o espazo máis galardoado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual, con cinco premios Mestre Mateo, aos que se suman un Premio Martín Códax e outro da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Actualmente, o programa é presentado por Pilar G. Rego, en directo de luns a venres ás 16.30 h na G2, e redifúndese de madrugada pola TVG.

'Zigzag' supuxo no seu momento unha aposta sen precedentes da canle autonómica galega pola programación cultural, xa que foi o seu primeiro informativo cultural diario. O programa naceu co obxectivo de levar a todos os fogares a actualidade da escena, do cine, dos libros, da música, da arquitectura, do deseño, da moda, en fin, de todo o vasto mundo da cultura feita en Galicia, ou feita fóra da nosa terra pero que puidese ser de interese para os espectadores. Dez anos despois, pasaron polo programa practicamente todos os persoeiros relacionados coa cultura galega.

No outono de 2018, o programa pasou a emitirse tamén na fin de semana, presentado por María Solar, na primeira canle e en horario de grande audiencia, ofrecendo así a actualidade cultural galega os sete días da semana. De feito, 'Zigzag' é un dos piares do proxecto #Cultura 365, coordinado pola xornalista e escritora María Solar, que achega información cultural  nos medios públicos de Galicia -televisión, radio e soportes dixitais- os 365 días do ano.

Desde os seus inicios, este espazo da TVG deulles voz a escritores, pintores, escultores, cantantes, actores, cineastas e todo tipo de artistas xa consagrados, pero tamén puxo especial énfase en darlles visibilidade a nomes emerxentes. E é hoxe un referente no panorama nacional, xa que non hai outra aposta semellante, de luns a domingo, en ningunha canle xeneralista.

Como sinala María Solar, a súa directora e presentadora da edición da fin de semana, "unha das satisfaccións máis grandes de facer este programa foi que nos deu tempo durante esta década a ver como persoas que eran practicamente descoñecidas a primeira vez que estiveron no 'Zigzag' acabaron triunfando, como é o caso paradigmático de Oliver Laxe".

Ademais da súa emisión diaria, o programa ten unha segunda vida moi intensa en Internet e nas redes sociais, onde cada reportaxe ou entrevista emitidos xeran moita actividade e interacción co público que consume cultura e contidos audiovisuais nos novos formatos e soportes.

Na foto superior, Pilar G. Rego, que presenta o 'Zigzag' de luns a venres na G2

Galería de imaxes