CRTVG Viva
O thriller 'Auga Seca' da CRTVG, primeira serie en lingua galega que chega á plataforma HBO
Esta produción trepidante de seis capítulos, rodada orixinalmente en galego e portugués, xira sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial e pode verse desde hoxe xa en HBO
‘Auga Seca’ é a segunda ficción da TVG que se exhibe nunha plataforma de acceso global tras o éxito de ‘O sabor das margaridas’, dispoñible en Netflix

Santiago, 01.04.2020.- O thriller ‘Auga Seca’ convértese desde hoxe 1 de abril na primeira serie en lingua galega que se incorpora á plataforma HBO. Esta ficción de seis capítulos, producida pola galega Portocabo e SPi, a produtora máis importante do país veciño, para a Televisión de Galicia e a Rádio e Televisão de Portugal (RTP), incorpórase ao catálogo de HBO España e Portugal, tras adquirir os seus dereitos de emisión. Ofrecerase tamén a versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e inglés.
‘Auga Seca’, que finalizou con éxito a súa emisión na Televisión de Galicia e na canle portuguesa, é un thriller que xira sobre o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Dirixida por Toño López, conta nos papeis protagonistas cos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, xunto á actriz portuguesa Victoria Guerra. Os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os lusos Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais completan o elenco internacional principal da serie.
Co lanzamento de ‘Auga Seca’ hoxe a HBO, a CRTVG segue a estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais. Rodada orixinalmente en galego e portugués, 'Auga Seca' é a segunda produción audiovisual que leva a lingua galega a unha plataforma dixital, despois de 'O sabor das margaridas', todo un éxito internacional en Netflix desde 2019 e da que a TVG acaba de estrear a súa segunda temporada tamén os domingos e en horario de máxima audiencia.
Rodada en 2019 entre Vigo e Lisboa, ‘Auga Seca’ estreouse na RTP1 o pasado 17 de xaneiro e o 7 de febreiro na TVG e avanza na súa distribución internacional a través da distribuidora británica DCD Rights. A ficción contou na produción executiva con José Amaral, de SP-i, e con Alfonso Blanco, de Portocabo e creador da serie. O guión correu a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lida Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; mentres que a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font.
Os usuarios da CRTVG tamén teñen dispoñible ‘Auga Seca’ ao completo na súa plataforma enserie.gal, o servizo en liña de cine e series da Televisión de Galicia.
#Coidémonos #EstamosXuntosNisto