CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'O sabor das margaridas', o novo 'thriller' que chegará á TVG a finais de 2018

27/05/2018

Esta ficción estará coproducida por Televisión de Galicia e a produtora CTV de onde parte a idea orixinal

É unha serie policial de seis episodios, dirixida por Miguel Conde e protagonizada por María Mera, Tony Salgado, Ricardo de Barreiro e a colaboración especial de Nerea Barros

Estase a rodar nestes días e a estrea será no último trimestre do ano

'O sabor das margaridas', o novo 'thriller' que chegará á TVG a finais de 2018

Santiago, 25.05.2018.- A CRTVG fai unha nova aposta pola ficción desta volta en coprodución con CTV, empresa especializada na creación e produción de contidos de entretemento e ficción para televisión. 'O sabor das margaridas' é un 'thriller' policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra e Santiago, e nos estudios de CTV en Teo.

Dirixida por Miguel Conde (director de 'Serramoura', 'Seis irmás' e 'Baixo sospeita'), a serie está protagonizada polas actrices Nerea Barros -gañadora do Goya á mellor actriz revelación por 'A illa mínima', e María Mera ('Matalobos', 'Dalia, a modista'), e os actores Ricardo de Barreiro, coñecido polo seu extenso traballo en cine e recentemente en 'Fariña', e Tony Salgado, destacado polas súas interpretacións en cine, teatro e televisión, como na serie 'Pazo de Familia'. Como debutantes na pequena pantalla participan no proxecto os talentosos Sara Sanz e Jimmy Núñez. A rodaxe finalizará o próximo 22 de xuño e a súa estrea na TVG está prevista para este outono.

A estética, a paisaxe e a evolución das personaxes serán os trazos distintivos da serie, en que os segredos e a sede de vinganza manterán ao espectador pegado á pantalla. Con 'O sabor das margaridas' a CRTVG e CTV dan un paso máis en canto a calidade técnica e artística coa vista posta tamén no mercado internacional grazas aos seus estándares de calidade, temática e estética. É unha serie “evento” de 6 capítulos e de final pechado seguindo as novas liñas e hábitos de consumo dos telespectadores.

Sinopse

Rosa Vargas, unha muller forte, con recursos e que arrastra un pasado traumático, é unha axente da policía xudicial da Garda Civil que chega a un pequena vila para investigar a desaparición dunha moza conflitiva e sen familia á que ninguén parece interesado en buscar. Nas súas pescudas contará coa colaboración de dous axentes locais cos que a relación non sempre será doada. O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volverse máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta vai sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución… que ata ese intre permaneceran ocultos na vila “onde nunca pasa nada”.

Galería de imaxes