CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'O que arde' e 'Quen a ferro mata', participadas pola TVG, optan o sábado a 7 Premios Goya

24/01/2020

Son dúas das 323 producións audiovisuais que as televisións autonómicas de Forta apoiaron en 2019, contribuíndo así a impulsar o tecido empresarial audiovisual de proximidade

'O que arde' e 'Quen a ferro mata', participadas pola TVG, optan o sábado a 7 Premios Goya

Santiago, 24.01.2019.-    As películas ‘O que arde’, dirixida por Oliver Laxe, e ‘Quen a ferro mata’, dirixida por Paco Plaza, ambas as dúas participadas pola TVG, loitarán este sábado por sumar sete Premios Goya para o audiovisual galego.

‘O que arde’, unha das producións máis importantes dos últimos anos no panorama galego e tamén a película galega máis vista en cines da historia, competirá na 34ª edición dos Premios Goya, que se celebra en Málaga, con catro candidaturas: mellor película, mellor dirección, mellor dirección de fotografía e mellor actriz revelación, premio, este último, ao que está proposta Benedicta Sánchez, que se estreou como actriz aos 84 anos. O multipremiado filme de Laxe, un melodrama sobre o lume e as emocións intensas, rivalizará no apartado de mellor longametraxe con grandes producións como ‘Dolor y Gloria’, de Pedro Almodóvar, e ‘Mientras dure la guerra’, de Alejandro Amenábar.

Na listaxe dos candidatos aos Goya tamén se atopa outra película participada pola Televisión de Galicia: o thriller ‘Quen a ferro mata’, de Vaca Films, que compite na categoría de mellor actor protagonista (Luís Tosar), mellor actor revelación (Enric Auquer) e mellor son. Cunha forte carga dramática, o filme abrangue temas como a traizón, as relacións familiares, a droga e a violencia e retrata familias que quedaron desfeitas polos horrores do mundo da droga.

‘O que arde’ e ‘Quen a ferro mata’ son dúas das 323 producións audiovisuais que as televisións autonómicas de Forta financiaron en 2019, contribuíndo así a impulsar o tecido empresarial audiovisual nas comunidades e no conxunto estatal. De todas elas, 60 son longametraxes de ficción, 74 longametraxes documentais, 2 longametraxes de animación, 85 documentais televisivos, 15 TV movies, 4 miniseries, 11 series de ficción, 18 series documentais, 2 series de animación e 52 curtametraxes. En palabras do presidente de Forta, Juande Mellado, “en moitos casos, as autonómicas achegan esa primeira axuda que avala un proxecto audiovisual e fai posible que comece a andar. Neste sentido, os servizos audiovisuais públicos autonómicos contribúen, de maneira decisiva, a dinamizar e impulsar o sector audiovisual nos distintos territorios, actuando como auténticos motores da industria cultural”.

Das obras que apoiaron as autonómicas en 2019, 14 obtiveron 72 candidaturas nesta edición dos Premios Goya. Entre as películas con máis propostas, atópanse ‘La trinchera infinita’, participada por Canal Sur e EiTB, que acumula máis de 25 candidaturas, entre elas a de mellor película, así como ‘Intemperie’ (Canal Sur) e ‘O que arde’, tamén propostas a mellor película. A lista de obras con candidaturas nos Goya complétana ‘La Inocencia’ (Á Punt e TV3), con dúas candidaturas; ‘La hija de un ladrón’ (TV3), con dúas; ‘Autorretrato’ (Aragón TV), tamén con dúas; ‘Buñuel en el laberinto de las tortugas’ (Telemadrid e Aragón TV), con sete; ‘Madre’ (Telemadrid), con catro; ‘El cuadro’ (Telemadrid), cunha candidatura; ‘Adiós’ (Canal Sur), con tres; ‘Ventajas de viajar en tren’ (EiTB), con cinco; ‘El hoyo’ (EiTB), con cinco, y ‘Elcano y Magallanes; la primera vuelta al mundo’ (EiTB), con dúas.

Ademais destes proxectos, as autonómicas puxeron en marcha en 2019 outras iniciativas de creación conxunta como ‘La Sala’ o ‘El Último Show’. Na primeira delas participaron nove televisións e a segunda, producida por Aragón TV, emitirase en seis canles de Forta, ademais de en Estremadura Televisión. O apoio das autonómicas a estas obras, supón, segundo Mellado, “unha mostra máis do compromiso dos servizos audiovisuais públicos autonómicos coa creación cultural atractiva e de calidade e coa súa permanente aposta por dinamizar e impulsar o tecido audiovisual nos distintos territorios”.