CRTVG Viva
O público celebra o 23 aniversario do "Xabarín Club" converténdoo en tendencia en Twitter
Os emotivos chíos compartidos polos seguidores do espazo infantil sitúan a efeméride no cuarto posto da táboa de temas máis comentados na rede social a nivel estatal
Preto dun millar de cativos seguen a afiliarse cada ano ao programa, que vén de estrear a súa propia app para tabletas e móbiles, “Xabarín TVG”
Santiago, 18.04.2017.- O público celebrou o aniversario do espazo “Xabarín Club” converténdoo en tendencia en Twitter. O veterano programa da Televisión de Galicia cumpriu hoxe 23 anos de emisión ininterrompida achegando a varias xeracións de galegos a mellor producción audiovisual, internacional e feita en Galicia, para o público infantil.
A celebración do aniversario do “Xabarín Club” situouse este martes pola tarde no posto número catro da táboa clasificatoria de temas máis comentados da rede social a nivel estatal. Os usuarios de Twitter compartiron emotivos chíos en que lembraban frases célebres dos personaxes do programa ou mesmo incluían o seu carné de socios.
Pola súa banda, a tvG2, en que o programa se emite en tres franxas horarias, mañá, mediodía e serán, emitiu unha cortiniña con motivo do aniversario e programas como “Galicia por Diante”, da Radio Galega, tamén se fixeron eco da efeméride.
"Xabarín Club" achegou aos espectadores galegos sagas xa clásicas como "As bolas máxicas", historia que continúa na actualidade con "Kain majin buu", e deu cabida á produción galega a través de debuxos como “Os Bolechas”, “Cocorico”, “Caracois” ou “A tropa de trapo”. Entre as súas estreas máis recentes figuran series de Dreamworks Animation coma “3,2,1, Pingüíns” ou “Olivia”; “Franky Snow”, un dos mellores produtos para público infantil do panorama europeo, ou “Os Crumpets”, de produción francesa.
Tras máis de dúas décadas en emisión, o programa segue a acumular seguidores, con preto dun milleiro de novas afiliacións ao ano, que, hoxe en día, se fan de forma dixital a través de http://www.crtvg.es/infantil/afiliate.
Na actualidade, “Xabarín Club” emite ao redor de sete horas de contidos ao día na tvG2 e conta cunha canle propia na web da CRTVG: http://www.crtvg.es/infantil. Ademais, co obxectivo de achegarse aínda máis a audiencia menor de 14 anos, moi familiarizada coa tecnoloxía dixital, o espazo conta desde decembro de 2016 cunha app propia, “Xabarín TVG”, en que se pode acceder en calquera momento as mellores series de animación en galego.