CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O proxecto multimedia 'Destino Santiago', gañador do premio Celtic Media Festival á Innovación

05/05/2018

O programa competía con tres producións da BBC, unha da irlandesa RTE e outros tres proxectos independentes, e foi galardoado nun acto celebrado onte na cidade galesa de Llanelli

O proxecto multimedia 'Destino Santiago', gañador do premio Celtic Media Festival á Innovación

Santiago, 05.05.2018.-  O proxecto multimedia 'Destino Santiago' foi galardoado onte venres pola noite co premio Celtic Media Festival á Innovación, nunha gala celebrada na cidade galesa de Llanelli. O programa, que se enfrontou con tres producións da BBC, unha da irlandesa RTE e tres proxectos independentes, é a primeira grande experiencia en España da chamada slow TV, e que na súa versión galega recibe o nome de televisión amodiño. O galardón foi recollido na gala polo Director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea.

O Celtic Media Festival, destinado a difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual, é unha competición internacional que reúne os principais xéneros de contidos en televisión, radio, cine e medios dixitais. É un festival único que reúne profesionais consagrados con talento emerxente para amosar o que se está a facer nos territorios marcados pola cultura celta. Ao festival presentáronse este ano máis de 500 candidaturas, entre elas outras dúas producións da TVG, 'Dalia, a modista' e 'Celtic dance'.

Os medios públicos galegos foron o ano pasado os primeiros en introducir en España e culminar con éxito a coñecida como 'slow tv', concepto implantado pola canle pública norueguesa NRK en 2009.

A primeira edición de 'Destino Santiago', co traxecto de Roncesvalles a Compostela na primavera de 2017, acadou cen millóns de visualizacións en Twitter e 2,8 millóns de interaccións desde 30 países nesta rede social. 'Destino Santiago' está producido por Starplanning para a Televisión de Galicia.

Actualmente, a segunda edición deste espazo transmedia retransmite en directo a peregrinaxe ata Fisterra de Susana Seivane e David Perdomo. Son máis de 10 horas de televisión ininterrompidas e transmedia, en streaming pola web da CRTVG (http://www.crtvg.es/tvg) e a través de todos os soportes dos medios públicos (TVG, Radio Galega, web e redes sociais). O proxecto complétase cunha páxina web propia do programa, www.destinosantiagotvg.gal, e nas redes sociais coa conta @Destinostgo e co cancelo #destinoSTGO.

 

* Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG, recolleu o premio en Gales