CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Segredos - Desmontando Galicia' dedicado á Coruña gaña o Premio Cronista Emilio Quesada

24/01/2020

O galardón a este espazo da TVG foille entregado ao director de Contidos da canle pública galega, Fernando R. Ojea, no transcurso da celebración anual do patrón dos xornalistas

Convocado pola Asociación da Prensa da Coruña, ten como obxectivo resaltar os valores históricos ou actuais da cidade, das súas institucións ou dos seus habitantes

O programa 'Segredos - Desmontando Galicia' dedicado á Coruña gaña o Premio Cronista Emilio Quesada

Santiago, 24.01.2020.-    O programa ‘Segredos - Desmontando Galicia’ dedicado á Coruña, producido por MBC Audiovisuales para a TVG e dirixido por Marcos Barrios, recibiu este venres o Premio Cronista Emilio Quesada, convocado pola Asociación da Prensa da Coruña (APC), que recolleu o director de Contidos da Televisión de Galicia e produtor delgado do programa, Fernando R. Ojea.

Este certame, que celebra este ano a súa primeira edición, ten como obxectivo resaltar os valores históricos ou actuais da cidade da Coruña, das súas institucións ou dos seus habitantes. Recibe o seu nome debido a que a dotación de 1.000 euros que leva prodúcese grazas á doazón de Emilio Quesada Zato, o xornalista máis veterano da Asociación da Prensa, que formou parte dun xurado que considerou que esta peza, emitida pola canle autonómica galega o pasado mes de outubro e dispoñible na súa web, representa á perfección os valores que o certame pretende transmitir e potenciar.

O premio, que foi entregado polo propio Emilio Quesada no transcurso da celebración anual do patrón dos xornalistas, data icónica para a Asociación da Prensa da Coruña, será doado á Casa Museo Emilia Pardo Bazán para que faga o primeiro libro de artigos da escritora publicados en prensa, segundo manifestou Ojea.   

Estreado o pasado mes de outubro, o espazo ‘Segredos - Desmontando Galicia’, presentado por Diana Nogueira, Alicia Burton e Quique Morales, trata de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural galego desde o punto de vista do entretemento. Con esta proposta innovadora, que prepara xa a súa segunda temporada, a Televisión de Galicia pretende axudar a entender os xeitos de vida da nosa terra e a súa evolución sen límites espaciais e temporais grazas ás integracións 3D.

Na foto superior, Emilio Quesada (á esquerda) entrégalle o premio a Fernando R. Ojea (á dereita)