CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Nacer de novo' da TVG fai 35 anos visitando Israel

28/11/2022

Dirixido e presentado por Jaime Fernández Garrido, é o programa das igrexas evanxélicas en Galicia e un dos espazos institucionais nas canles públicas máis antigos de Europa, con máis de 1.800 semanas en antena

O programa 'Nacer de novo' da TVG fai 35 anos visitando Israel

Santiago, 28.11.2022.-     O espazo ‘Nacer de novo’ da Televisión de Galicia fai 35 anos en antena e, con tal motivo, durante as vindeiras semanas emitirá unha serie de programas gravados en Israel, visitando distintos enclaves da Terra Santa. O programa percorrerá lugares como Xerusalén, Belén, Cesarea de Filipos, o río Xordán, Xericó, Meggido, o monte da Felicidade, Cesarea Marítima, Cafernaum, a Fortaleza de Masada e o mar de Galilea, entre outros.

Dirixido e presentado por Jaime Fernández Garrido, ‘Nacer de novo’ é o programa das igrexas evanxélicas en Galicia da canle pública galega e, ademais, un dos espazos institucionais nas canles públicas máis antigos de Europa, con máis de 1.800 semanas en antena.

En España, ‘Nacer de novo’ foi pioneiro nos medios de comunicación autonómicos coa súa estrea en 1987. Máis tarde chegarían espazos similares a outras canles como TV3, EiTB e Canal Sur, entre outros.

‘Nacer de novo’ destaca tamén polo contacto cos televidentes. Así, ao longo destes 35 anos, case 40.000 persoas escribiron ao programa ou chamaron para recibir O Novo Testamento.

Na foto superior, Jaime Fernández Garrido xunto aos colaboradores de 'Nacer de Novo' que viaxaron a Israel