CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Luar' recibe esta noite o cantante David Civera, que presentará o seu novo sinxelo

15/03/2019

O espazo da TVG (22.00 h.) tamén contará coas actuacións de Ángela Carrasco, King África, a orquestra Solara e a Escolanía da Catedral de Santiago, entre outros

O programa 'Luar' recibe esta noite o cantante David Civera, que presentará o seu novo sinxelo

Santiago, 15.03.2019.-    O programa ‘Luar’ convida esta noite a subir ao seu escenario a David Civera, que lle presentará ao público e aos espectadores o seu novo sinxelo, ‘Mundo diverso’, un dos temas máis fondos, persoais e reivindicativos do artista, cargado de solidariedade e diversidade. Trátase do anticipo do seu novo EP, ‘Empatía’, que sairá á venda o vindeiro mes de abril. Este novo proxecto do cantante turolense chega tras a publicación en 2017 de ‘15 años’, un álbum co que quixo celebrar o seu 15º aniversario na música e en que, ademais de incluír os temas de máis éxito da súa traxectoria, incluíu algunhas composicións inéditas.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana tamén ofrecerá a actuación da cantante dominicana Ángela Carrasco, unha das mellores voces da canción en español e unha das divas de América Latina durante os anos 70 e 80.

Outro dos convidados deste venres é o incombustible artista arxentino King África, pai da banda sonora de moitos veráns, que volve apostar polos ritmos estivais con ‘El tembleque’, canción que interpretará esta noite, ademais de ‘El cocodrilo’.

O cartel musical desta noite complétase coa orquestra Solara; o músico, presentador e actor Paco Lodeiro, a Escolanía da Catedral de Santiago e o Coro de Lingua de Signos de Cacheiras, que cantarán conxuntamente o ‘Hallelujah’; a asociación cultural canguesa O Viveiro de Peis D’Hos e a Banda de Música de Santádega, procedente do concello ourensán de Coles.

Polo demais, o espazo da TVG comeza este venres unha nova edición do concurso ‘Vai de Baile’ infantil, coa participación cada semana de dúas parellas de nenos/as, e contará coa intervención en ‘Recantos’ de Esteban Fuentes, representante de Terras de Compostela, e Alberte Suárez, procedente de Ourense norte.