CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa "Luar" comeza a súa 27ª temporada coas actuacións de Nuria Fergó e Susana Seivane

14/09/2018

Nesta nova etapa, que chega cargada de sorpresas, Gayoso estará acompañado pola presentadora Patricia Fernández Santana (22.00 h.)

O programa "Luar" comeza a súa 27ª temporada coas actuacións de Nuria Fergó e Susana Seivane

Santiago, 14.09.2018.-  1.139 programas. 26 anos en antena. Premio Iris da Academia Española da Televisión ao mellor presentador. Milleiros de artistas pasando polo seu escenario. Estas son algunhas das cifras de “Luar”, un dos programas máis queridos polos espectadores da TVG e o espazo de entretemento máis lonxevo da historia da televisión en España, que esta noite comeza a súa 27ª temporada.

Esta nova andaina, que, por suposto, non perderá o selo identitario de “Luar” de seguir amosando a música galega en todas as súas vertentes e expresións, chega cargada de sorpresas, novas propostas e artistas de primeira liña.

Tras un breve e necesario descanso, Xosé Ramón Gayoso retoma o seu entusiasmo á fronte do experimentado equipo de “Luar”. Nesta ocasión, estará acompañado por unha nova copresentadora, que cada venres lle achegará frescura e espontaneidade ao programa: a xornalista Patricia Fernández Santana, unha cara xa coñecida polos espectadores da Televisión de Galicia durante este verán.

María Mera, a presentadora que acompañou a Gayoso na temporada pasada non se despide da familia de “Luar”, xa que pasará a ocuparse do concurso “Recantos”, que hoxe comeza unha nova edición. A audiencia coñecerá os novos 20 aspirantes que loitarán por facerse co premio do programa e tamén a identidade do novo membro do xurado que acompañará a Tania Fuegho e Manuel DeAndrade no difícil labor de puntuar as actuacións dos concursantes. Hoxe abren a competición Alberte Suárez, de Ourense Norte, e Mar K. John, representante da comarca Terras de Pontevedra. O programa tamén ofrecerá a actuación do gañador da pasada edición: O Chylava.

Neste inicio de curso, o programa recibirá a visita da cantante malagueña Nuria Fergó, que presentará “La vida son sólo dos días”, a sintonía da Volta Ciclista a España, unha canción que fala de non perder a ilusión e loitar polo que un quere.

Outra das convidadas desta noite é unha das gaiteiras galegas máis internacionais: Susana Seivane, que revolucionou o folk cun estilo propio que non fuxía das raíces e que está a presentar o seu quinto álbum, en que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade.

Tamén estarán no escenario o grupo Tanto nos Ten, que emprega no seu repertorio música e letras propias do saber popular, retranqueiro e comprometido co país, e Xestreu,  un grupo de mulleres que coas súas voces fan un percorrido polos ritmos tradicionais, mergullándose nos cantos dos pobos.

O cartel musical deste venres complétase coas actuacións da orquestra Johnny Maquinaria, da Banda de Gaitas O Carballo da Manteiga, da formación Sons de Celeiro e do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia.