CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Larpeiros' regresa esta noite á programación cantando as bondades do chocolate

10/09/2019

Degustarase nun guiso de rabo de vaca e nunha deliciosa torta Sacher (22.00 h.)

O programa 'Larpeiros' regresa esta noite á programación cantando as bondades do chocolate

Santiago, 10.09.2019.-    Os ‘Larpeiros’ comezan hoxe novo curso con propostas moi doces. Entre os seus caprichos, o chocolate sempre ten un lugar destacado. Non se produce en Galicia, pero, ao igual ca o arroz, o bacallau e o azucre, é un deses produtos que chegan de lonxe e sen os cales a vida sería máis triste.

Falar de chocolate daralle a Benigno Campos unha grande idea: cociñar rabo de vaca con viño tinto e chocolate, un guiso dos de sempre, feito con calma, pero cun toque moi especial.

Pola súa parte, Adrián, o ‘larpeiro’ máis viaxeiro, visitará unha fábrica de chocolates en Barcelos, en Portugal, que ademais conta cun museo. Con Paula coñecerá a historia do chocolate e da fábrica máis antiga do país e preparará uns bombóns deliciosos. Non marchará do país veciño sen cociñar e probar unha tapa de frango con chocolate.

Para rematar a festa, as reposteiras Merchi e Leni farán unha das tortas máis famosas do mundo: a torta Sacher, que, como non, ofrece chocolate, chocolate e máis chocolate.