CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Labranza' da Televisión de Galicia alcanza os 1.500 programas

12/01/2019

Leva 28 anos sendo testemuña da transformación do agro galego e contribuindo a espallar unha parte vital da nosa identidade

O programa 'Labranza' da Televisión de Galicia alcanza os 1.500 programas

Santiago, 12.01.2019.-    En marzo de 1991 chegaba ás pantallas da Televisión de Galicia un novo programa, 'Labranza', un espazo enfocado ao sector agrario creado por Anxo Vázquez. Cada domingo, durante 28 anos, o espazo foi testemuña da transformación do agro galego e contribuíu a espallar unha parte vital da identidade galega.

Este domingo celebrouse unha efeméride moi especial, xa que 'Labranza' chegou á súa emisión número 1.500. O programa, presentado por Manuel Cruz, é un dos máis antigos da TVG e mesmo supera o 'Luar', converténdose nun dos sinais de identidade da canle pública.

Antes de 'Labranza' existía na TVG outro programa centrado no mundo do campo, que tiña por nome 'A Terra'. Desde 1991, 'Labranza' leva 1.500 domingos ilustrando a realidade do campo galego a todos os fogares da nosa comunidade.

Ao longo destes 1.500 programas, 'Labranza' fixo un percorrido pola situación do campo galego, amosando o modo de vida de milleiros de labregos e labregas, e facendo divulgación das técnicas e coñecementos para axudalos no seu labor diario. Ao longo destes anos, o programa amosou os oficios e costumes da agricultura tradicional. Na actualidade, o programa mostra as últimas técnicas dos sectores produtivos ou a crecente industria alimentaria galega, así como o auxe da agricultura ecolóxica.