CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa “Diario Cultural” da Radio Galega recibiu o Premio Abrente 2013

21/07/2013

O espazo cultural da emisora pública galega compartiu este galardón da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia coa Revista Galega de Teatro

O programa “Diario Cultural” da Radio Galega recibiu o Premio Abrente 2013

Ribadavia, 21.07.2013.- O programa “Diario Cultural” da Radio Galega recibiu este domingo o Premio de Honra Abrente 2013, concedido pola da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Este galardón, que a emisora pública galega compartiu coa Revista Galega de Teatro, concedéuselle “polo seu apoio, compromiso e por dar visibilidade ás artes escénicas”.

 Segundo a MIT, o “Diario Cultural” e a Revista Galega de Teatro representan “nas ondas e sobre o papel, o ideal de compromiso coa curiosidade polo diverso e o desexo por normalizar o sector escénico desde o ámbito público, a Radio Galega, ou desde a vontade asociativa, a da agrupación Cultural Entre Bambalinas”.

 Tamén, en ambos casos, salientouse o desexo por “facer da cultura teatral un ámbito participativo, onde produtores e usuarios senten que hai canles para a construción colectiva dun espazo de liberdade, de intelixencia e sensibilidade, como nos transmitiu nalgunha ocasión o senlleiro programa da Radio Galega”.

 No caso do “Diario Cultural”, que dirixe e presenta Ana Romaní, destacan a “atalaia que nos remiten os sons, as mensaxes, a sedución ou o impacto que nos agarda na escena. Entre diversos temas do eido cultural, este prestixioso e amplamente valorado programa, inaugurado no ano 90, non escapa de lle conceder decotío un digno espazo de tempo a un xénero, o teatral, ás veces marxinal no mercado do libro ou das lecturas escolares. Faino cunha sección fixa, con colaboracións críticas, con conversas e noticias, con modernos formatos e míticos xéneros coma o Concurso de Teatro Radiofónico, que desde 2007 nos abre nos escenarios sonoros”.

 Os dous recoñecementos concedéronse no marco da 29 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O Premio Abrente outórgase desde 2006 co cometido de apoiar a creación de textos teatrais en lingua galega.

Na foto superior, Ana Romaní, directora e presentadora do "Diario Cultural" da Radio Galega, nun momento do acto celebrado este domingo en Ribadavia.

Galería de imaxes