CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa de servizo público 'Conexión social' amosa en profundidade o labor de 13 fundacións galegas

11/03/2019

O espazo emítese os sábados ás 11.45 h. e dálles voz tanto aos responsables das entidades coma aos seus beneficiarios

O programa de servizo público 'Conexión social' amosa en profundidade o labor de 13 fundacións galegas

Santiago, 11.03.2019.-    No marco do seu compromiso co servizo público e do seu obxectivo da darlles visibilidade a distintas realidades e iniciativas do tecido social da nosa comunidade, a Televisión de Galicia difunde desde este mes a actividade de 13 fundacións e entidades sociais galegas no programa 'Conexión social'.

Presentado por Brenda Vázquez, emítese os sábados ás 11.45 h. e xa amosou esta fin de semana o traballo da Fundación Cidade da Cultura. Nos doce vindeiros capítulos, seguerá achegando o traballo das fundacións Camilo José Cela, San Rosendo, Fernández Latorre, Aldeas Infantís, Meniños, Padre Rubinos, Afundación, Feuga, Cruz Vermella, Semana Verde, Proxecto Home e Once.

En todos os capítulos dáselles voz aos responsables destas entidades, pero tamén aos usuarios e beneficiarios/as do seu traballo. As fundacións e entidades sociais teñen un gran papel no desenvolvemento da sociedade, tanto no eido da asistencia social como no da cultura, entre outros, e proporcionan ferramentas necesarias para afrontar do mellor xeito posible o ritmo trepidante co que avanzan os tempos. Cada unha delas persegue unha serie de fins de interese xeral, con obxectivos diferentes, pero cunha característica en común: todas elas buscan o beneficio das persoas.

 

Na foto, Brenda Vázquez en Cruz Vermella, unha das entidades protagonistas de 'Conexión social'.