CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa da TVG 'Aquelando' recibe o Premio Ciencia en Acción na modalidade de divulgación científica

07/07/2020

O xurado deste certame internacional destacou deste espazo “a amenidade na linguaxe, o coidado na precisión científica e a combinación de actividades prácticas”

A versión Aquelando na casa, posta en marcha durante o confinamento para apoiar os estudantes galegos, tamén obtivo unha mención de honra neste concurso

O programa da TVG 'Aquelando' recibe o Premio Ciencia en Acción na modalidade de divulgación científica

Santiago, 07.07.2020.-    O programa da Televisión de Galicia Aquelando foi galardoado ex aequo co Premio Ciencia en Acción na modalidade de traballos de divulgación científica por ser “un espazo de televisión que destaca pola amenidade na linguaxe empregada, o coidado na precisión científica e a combinación de actividades prácticas, fomentando o interese pola ciencia no público en xeral”.

Con Aquelando, unha produción de Mirabelle Comunicación para a TVG, os medios públicos galegos apostaron pola divulgación científica dun xeito entretido, co obxectivo de desmontar falsos mitos e ensinarlle á audiencia a facer os seus propios experimentos. O programa, conducido polos divulgadores David Ballesteros e Manuel Vicente, conta tamén coa participación de destacados colaboradores como o profesor experto en ciencia cidadá José Viñas, a escritora, blogueira e youtuber Deborah Ciencia e a directora técnica da Domus da Coruña, Patricia Barciela.

Aquelando na casa, a versión do programa realizada con motivo do peche dos centros escolares para apoiar os estudantes galegos e fomentar a aprendizaxe dun xeito entretido, tamén obtivo neste certame unha mención de honra, na categoría de demostracións científicas non presencias, polos seus “contidos de diferentes ramas científicas achegados por nenos, nenas e profesorado, que elaboraron experimentos científicos desde as súas casas durante o confinamento, creando un proxecto de educación científica”.

Ciencia en Acción é un certame internacional dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica, en calquera das súas disciplinas. O seu principal obxectivo é presentar a ciencia dun xeito atractivo e motivador, para que os/as mozos/as se interesen por ela.