CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa da RG 'Mar de Ardora', finalista dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español

14/02/2020

Convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación na difusión e mellora do coñecemento da actividade pesqueira

O espazo presentado por Xusto López Carril opta a este galardón por unha serie de tres programas dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia

O programa da RG 'Mar de Ardora', finalista dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español

Santiago, 14.02.2020.-    O programa da Radio Galega 'Mar de Ardora' é un dos finalistas da terceira edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español, convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), que se entregarán o vindeiro martes en Madrid, na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación e dos profesionais da información na difusión e mellora do coñecemento da actividade do sector pesqueiro.

Presentado por Xusto López Carril, 'Mar de Ardora', que se emite os sábados de 07:00 a 08:00 h, é un programa centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relatos de historias humanas.

A candidata aos premios de CEPESCA é unha serie de tres programas emitidos arredor do 8 de marzo de 2019 dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia e a lembrar a súa potencialidade no mundo do mar.

Para isto, 'Mar de Ardora' ofreceu un mosaico do traballo das mulleres no mar, falando con redeiras, mariscadoras, traballadoras de conserveiras, percebeiras, ouriceiras, peixeiras, directoras de empresas comercializadoras, armadoras, patroas maiores de confrarías, tituladas náutico-pesqueiras, biólogas e mulleres que ocupan cargos na Administración pesqueira. Os seus testemuños foron recollidos en Boiro, Corme, Camariñas, Vigo, Cambados, San Cibrao, Malpica e A Coruña.