CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa "Aquí Galicia" trasládase este sábado á Coruña para vivir o día grande das Festas do Rosario, patroa da cidade

07/10/2017

O espazo da TVG (16.35 h.) visitará os lugares máis representativos da cidade, como o paseo marítimo, a praia de Riazor e a Torre de Hércules, e tamén coñecerá a súa ampla oferta museística

O programa "Aquí Galicia" trasládase este sábado á Coruña para vivir o día grande das Festas do Rosario, patroa da cidade

Santiago, 07.10.2017.-    O programa “Aquí Galicia” trasládase hoxe á Coruña, onde vivirá o día grande das Festas do Rosario, patroa da cidade. Os reporteiros estarán en directo nos diversos actos organizados para a xornada, como a ofrende floral ou a procesión polas rúas da zona vella herculina.

O espazo da TVG aproveitará a súa presenza na Coruña para percorrer o paseo marítimo da cidade, visitar a praia e a contorna de Riazor, o pazo municipal e os Cantóns. Os reporteiros tamén coñecerán os lugares máis representativos da cidade vella, como a igrexa de Santiago, a colexiata de Santa María, a praza de Azcárraga e a igrexa de San Domingos.

“Aquí Galicia” tamén se interesará polos lugares verdes da cidade, con parada no Monte de San Pedro, nos Xardíns de San Carlos e noutros parques destacados da Coruña; polos últimos centros en incorporarse á rede de museos municipais da Coruña, como o Muncyt, a Casa das Ciencias e a Casa do Home, e polas diferentes casas-museo que se conservan na cidade de personaxes coma Picasso, Rosalía de Castro e Manuel Murguía, María Pita ou Emilia Pardo Bazán.

Pero se algo non podía faltar no programa desta tarde é unha visita á Torre de Hércules, o faro en funcionamento máis antigo do mundo, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

No apartado gastronómico, “Aquí Galicia” contará coa presenza dos gañadores do Concurso de Tapas Picadillo, que se celebra en homenaxe ao alcalde coruñés Puga y Parga, autor do famoso libro de cociña.

Todas estas propostas estarán salferidas ao longo de toda a tarde con distintas actuacións musicais, como o cantante coruñés Sito Sedes; a Agrupación Folclórica Aturuxo, unha das máis antigas de Galicia e das primeiras en realizar recollidas tradicionais; a Asociación Cultural Son D'Aquí, de Monte Alto; as pandeireteiras de Xacarandaina e a tuna de veteranos da Coruña.