CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'Ao Contraataque' da Radio Galega celebra este martes a súa emisión número 1.000

03/10/2022

O espazo dirixido por Pedro Pablo Alonso, en antena desde setembro de 2018, ampliou esta temporada a súa duración a dúas horas e incorporou novos colaboradores e seccións

O programa 'Ao Contraataque' da Radio Galega celebra este martes a súa emisión número 1.000

Santiago, 03.10.2022.-    O equipo deportivo da Radio Galega está este martes de celebración. O programa ‘Ao Contraataque’, que dirixe Pedro Pablo Alonso, chega ao programa número 1.000. Todo comezou en setembro de 2018 e, catro anos despois, a aposta nocturna da emisora autonómica ten unha audiencia consolidada. Mesmo esta temporada ampliou o horario ata as 01.00 h, pasando dunha a dúas horas de emisión, de luns a xoves. Ademais, o domingo o programa inclúese no ‘Galicia en Goles’, con dúas horas dedicadas á análise e á reflexión tras a xornada da fin de semana.

Desde as 23.00 h, o ‘Ao Contraataque’ deste martes abrirá unha gran mesa de debate cos analistas habituais e traerá algún convidado sorpresa aos estudios centrais en San Marcos, no estudio multimedia desde o que se fai a primeira hora, que, ademais de chegar aos oíntes pola FM, se pode ver no Mira RG e na canle da Radio Galega en YouTube.

Durante os últimos catro anos, o programa viaxou por toda Galicia con emisións cara ao público desde as sedes do Celta de Vigo, do Club Deportivo Lugo e do Deportivo da Coruña. Foi o único medio que realizou unha entrevista persoal en profundidade dunha hora de duración ao adestrador Chacho Coudet, ademais de estar presente nas concentracións das seleccións españolas cos internacionais Iago Aspas e Lucas Vázquez. ‘Ao Contraataque’ tamén seguiu os deportistas galegos que competiron en Toquio no ano 2021 e todos pasaron polos seus micrófonos, tanto antes como despois dos Xogos Olímpicos.

Esta temporada, coa ampliación a dúas horas, o programa incorporou novos colaboradores, con seccións enfocadas ao público máis novo e con maior participación dos oíntes a través das redes sociais e o WhatsApp.