CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'ADN Galego' viaxa esta semana a Salamanca

14/11/2017

O espazo da TVG (22.50 h.) contará as historias de galegos que viven na capital charra

O programa 'ADN Galego' viaxa esta semana a Salamanca

Santiago, 14.11.2017.-   O programa 'ADN Galego', que amosa as diferentes historias de persoas de orixe galega que residen noutros lugares de España, realizará hoxe un percorrido pola cidade de Salamanca e arredores, pasando por Nava de Francia e La Alberca, para buscar historias con ADN Galego.

Neste programa poderanse visitar lugares típicos como a Casa das Cunchas, a Universidade de Salamanca, o Museo de Historia da Automoción e o Centro de Investigación do Cancro; dar un paseo en barca pola ribeira do Tormes e tomar un vermú na Praza Maior, onde se atopa o edificio do Concello, cuxa fase de construción do século XVIII foi a cargo do arquitecto galego Juan García Berruguilla. Nesta mesma praza atópase tamén o famoso Café Novelty, o máis antigo de Salamanca, que mantén unha escultura en memoria do escritor galego Gonzalo Torrente Ballester, que viviu parte da súa vida na cidade charra e que se acabou convertendo en fillo adoptivo.
 
Entre os convidados, os espectadores coñecerán hoxe a Roberto, un mozo trompetista que se mudou para poder estudar no Conservatorio Superior de Música de Castela e León; Xosé Bustelo, un prestixioso investigador que dirixe un Grupo de Investigación de Excelencia no Centro de Investigación do Cancro; Alejandro, un fanático dos coches de época; Manuel, un hostaleiro que leva xa 30 anos en Salamanca; Sandra, a Spa Manager dun hotel de luxo de 5 estrelas; Florinda, unha avoa que mantén os seus costumes galegas na horta; Ajo Diz, unha escritora galega que participa moi activamente na vida cultural da capital salmantina, e Andrea, unha moza gaiteira que se decidiu polo mundo das Belas Artes.