CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'A Tarde' ofrecerase hoxe desde O Grove con motivo da LIV Festa do Marisco

05/10/2017

Declarada de Interese Turístico Nacional, reúne cada ano multitude de xente para degustar exquisitos mariscos a prezos populares

A presentadora deste magazine da Radio Galega, Cristina García conversará co alcalde da localidade, José Antonio Cacabelos e co experto en historia do concello Francisco Meis

O programa 'A Tarde' ofrecerase hoxe desde O Grove con motivo da LIV Festa do Marisco

Santiago, 05.10.2017.-     Sempre disposto a saír do estudio e trasladar os micrófonos á rúa, o equipo do programa 'A Tarde' trasladarase hoxe á localidade pontevedresa do Grove, onde este xoves se inaugura a LIV Festa do Marisco. Declarada de Interese Turístico Nacional, reúne cada ano multitude de xente para degustar exquisitos mariscos a prezos populares. Este evento culinario conta ademais cun amplo programa de actividades lúdicas.

A presentadora deste magazine da Radio Galega, Cristina García, conversará no Grove co alcalde desta vila, José Antonio Cacabelos; con Francisco Meis, experto en historia do concello e premiado coa Centola de Ouro, e co quiosqueiro Luís Muñiz, que compuxo unha canción para o 'Land Rober Tunai Show'.

Ademais, 'A Tarde' ofrecerá reportaxes sobre os primeiros organizadores da Festa do Marisco e sobre os barcos turísticos que van á Illa da Toxa e ofrecerá as actuacións musicais dos grupos Cinco en Zocas e De Vacas.