CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O programa 'A miña familia pola túa' da TVG tivo a súa posta de longo en Compostela

16/01/2020

O acto contou coa presenza do equipo do programa e das familias participantes, así como de presentadores e facianas coñecidas da Galega

En cada entrega desta divertida proposta, as nais de dúas familias opostas intercámbianse de fogar durante unha semana de convivencia

 

O programa 'A miña familia pola túa' da TVG tivo a súa posta de longo en Compostela

Santiago, 16.01.2020.-  O Auditorio Centro Obra Social Abanca de Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación do novo programa da Televisión de Galicia para a noite dos mércores, 'A miña familia pola túa'. O equipo desta nova proposta de entretemento da Galega e numerosos rostros coñecidos da TVG déronse cita esta tarde nun evento ao que tamén asistiron os membros das 16 familias participantes. Tras esta posta de longo, xa non queda nada para que os espectadores da Galega poidan ver a primeira entrega a próxima semana.

Á presentación deste divertido programa en que dúas nais, de familias opostas, intercámbianse de fogar durante unha semana de convivencia, asistiron profesionais dos medios públicos galegos, como Lucía Rodríguez, Paco Lodeiro, Bernardo Montaña, Xoanqui Ameixeiras, Tamara Pérez, Duarte Galbán, Pepe Capelán, Brais Doval, Lucía Veiga e Noelia Rey, entre outros. 

Esta nova aposta da TVG, cuxa estrea é a próxima semana, é un éxito mundial, adaptado a máis de 20 países, que está producido por Dlo/Magnolia e La Región para a TVG. No acto puídose ver un avance do que lles espera ás familias que integran esta primeira temporada, cunha selección dos mellores momentos.

En ‘A miña familia pola túa’, durante a semana de intercambio, cada novo membro deberá adaptarse ao estilo de vida e á rutina diaria da súa nova familia. Unha vez completada a experiencia, ambas familias reúnense e enfrontan as experiencias aprendidas.

* Na imaxe, as familias protagonistas da primeira entrega: a familia do mar e a familia do campo