CRTVG Viva
Xosé Ramón Gayoso recolle o Premio da Cultura Galega 2022 pola súa traxectoria no audiovisual
O galardón, concedido no apartado audiovisual, recoñece a súa traxectoria de 30 anos á fronte de ‘Luar’, o espazo musical máis antigo da televisión en España, que une música, baile, cultura popular e moito humor e que contribúe a visibilizar o novo talento musical e o sector da música popular galega

Santiago, 15.03.2023.- O presentador do programa ‘Luar’, Xosé Ramón Gayoso, unha das caras máis coñecidas e queridas da TVG, recolleu esta tarde o Premio da Cultura Galega 2022 no transcurso dun acto celebrado na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, presidido polo presidente galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e conducido polo xornalista da Galega Arturo Fernández.
Gayoso foi premiado no apartado audiovisual destes galardóns, que recoñecen así a súa traxectoria de 30 anos á fronte de ‘Luar’, o programa máis lonxevo da Galega e a cita agardada de cada venres no prime time desta canle. Tres décadas despois daquel primeiro ‘Luar’, o programa é tamén o espazo musical máis antigo da televisión en España. ‘Luar’, do que Gayoso tamén é codirector, une música, baile, cultura popular e humor, así como unha gran complicidade cos espectadores, contribuíndo a visibilizar o novo talento musical e o sector da música popular galega. O presentador da Televisión de Galicia, que hoxe recolleu o premio de mans do presidente da Xunta, xa fora distinguido coa Medalla Castelao ano 2017.
O resto dos galardoados este ano foron: na modalidade de Letras, a escritora Marica Campo; en artes visuais, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea María Victoria Carballo-Calero; no apartado de artes escénicas, a actriz lucense Melania Cruz; no eido musical, os Cursos Universitarios Internacionais ‘Música en Compostela’; no apartado de lingua, o catedrático e investigador Manuel González; en patrimonio cultural, a asociación cultural Xacarandaina, e, na sección de proxección exterior, o programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago.
Cos Premios da Cultura Galega, feitos públicos o pasado mes de outubro, o Goberno autonómico distingue, un ano máis, a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.