CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico supera marcas, con 82 orixinais recibidos

22/12/2016

A presente edición é a que tivo máis participación desde que se creara o certame

O xurado integrado por profesionais do ámbito escénico e radiofónico escollerá en xaneiro as obras finalistas

Marta Pazos dirixirá a adaptación radiofónica das pezas teatrais, que emira a emisora pública

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico supera marcas, con 82 orixinais recibidos

Santiago, 22.12.2016.- Un total de 82  orixinais concorren á décima edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que abre o período de selección de obras finalistas. Esta convocatoria é, desde que se creara o certame, a que contou cunha maior participación.

O xurado escollerá en xaneiro as obras finalistas, que logo serán dramatizadas e emitidas nos distintos programas da Radio Galega. Estas pezas sumaranse ás 33 obras que ao longo das nove últimas edicións do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico emitiu a Radio Galega. 

Marta Pazos, actriz e directora da compañía Voadora, será a responsable da adaptación radiofónica das obras seleccionadas. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, Marta Pazos comezou a dirixir no ano 2000. Dende entón asina a posta en escena dunha vintena de espectáculos. Recibiu o Premio María Casares á Mellor Dirección en dúas ocasións e, coa compañía Voadora, da que é unha das fundadoras, o Premio da Crítica Galicia en 2013 polo traballo de investigación en creación escénica e dramaturxia contemporánea que desenvolve.

Pola súa banda, o xurado do X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado por Marta Pazos;  a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Clara Gayo; a directora do CDG, Fefa Noya, por designación da Secretaría Xeral de Cultura; o crítico de teatro Camilo Franco; Gloria Ferreiro, xefa de programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do Diario Cultural. 

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está organizado pola  Radio Galega co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Creouse co obxecto de fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico. O galardón conta cunha dotación total de 6.000 euros, divididos en dúas categorías, ademais da difusión das pezas.