CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O patrimonio galego, desde un enfoque inédito e con imaxes en 3D, no novo programa 'Segredos - Desmontando Galicia'

12/10/2019

Presentado Diana Nogueira, Alicia Burton e Quique Morales, amosará 15 lugares de Galicia, sen límites espaciais e temporais

O luns, ás 22.30 h, na primeira canle da Galega, a primeira entrega desmontará en 3D a cidade e a muralla de Lugo

Cada capítulo semanal explicará os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural galego, grazas á mestura de tecnoloxía e información especi

O patrimonio galego, desde un enfoque inédito e con imaxes en 3D, no novo programa 'Segredos - Desmontando Galicia'

Santiago, 12.10.2019.-     Xeografía e patrimonio, tecnoloxía e espectaculares imaxes en 3D, espazos imposibles e lugares emblemáticos de Galicia: o novo programa da TVG 'Segredos - Desmontando Galicia' amosará a nosa comunidade dun xeito único, desde os puntos de vista máis abraiantes e inéditos na televisión.

A nova aposta da TVG para a noite dos luns tratará de descubrir os segredos das grandes infraestruturas e do patrimonio natural, urbanístico e cultural desde o punto de vista do entretemento. Fuxindo da acumulación de datos, o programa incorpora unha atractiva narrativa de imaxe integrada dixitalmente para facilitar a comprensión da información e captar a atención do espectador.

Presentado por Diana Nogueira e Alicia Burton, e coa inconfundible voz de Quique Morales, no papel de 'Sabichón' para puntualizar e achegar datos que enriquezan a experiencia do espectador, 'Segredos - Desmontando Galicia', producido por MBC Audiovisuales, conta con 15 capítulos. Na entrega deste luns, 'Segredos' achégase a descubrir a cidade máis antiga de Galicia: Lugo, ou como dirían os seus fundadores: Lucus Augusti. E Diana Nogueira e Alicia Burton non poden pasar por aí sen poñer patas arriba a muralla, as termas, os edificios... Todo para descubrir o que hai baixo o chan sobre o que hoxe pisamos. Ademais, unha lucense de renome como é Beatriz Serén, actriz e presentadora, vivirá unha experiencia que hai centos de anos que non se practicaba.
    
Con esta estrea, Televisión de Galicia fai unha proposta innovadora, nun programa de alta calidade en que se empregan as tecnoloxías visuais máis actuais e que manterá o espectador pendente de todas as historias que se desenvolverán en cada capítulo. En cada un deles formularanse interrogantes que serán despexadas da man de técnicos, especialistas e profesionais de todo tipo vinculados estreitamente a cada tema a tratar. Ademais, o programa axudará a entender os xeitos de vida da nosa terra e a súa evolución sen límites espaciais e temporais grazas ás integracións 3D.

Os 15 capítulos irán presentando lugares como as principais cidades galegas, a Ribeira Sacra, o Salnés, a Costa da Morte, o Eume, sempre combinado imaxes espectaculares reais e outras creadas dixitalmente.

https://www.youtube.com/watch?v=e8kZibMrAyM

https://www.youtube.com/watch?v=N-SrAqG5MKE