CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O novo programa "Toc toc, con permiso" amosará o lado máis humano e descoñecido dos famosos galegos

30/09/2013

O espazo da TVG, presentado por Laura López e Álex Fidalgo, bota a andar ás 23. 20 horas pasando un día na vida do actor Pedro Alonso e da cantante Lucía Pérez.

O novo programa "Toc toc, con permiso" amosará o lado máis humano e descoñecido dos famosos galegos

Santiago, 30.09.2013.- A noite de estreas que a Televisión de Galicia ofrece este luns complétase coa chegada á grella do programa “Toc Toc, con permiso” (23.20 horas), que pretende achegarse aos famosos galegos desde unha perspectiva máis íntima e persoal e afondar na súa vida cotiá e diaria, lonxe da súa faceta profesional.

Cada semana, o programa achegarase ás contornas máis familiares e relevantes do día a día de dúas persoas recoñecidas no eido galego, a aqueles ámbitos, actividades, accións e persoas que axuden a coñecer outra cara deles. Familiares, amigos, compañeiros, empregados e mesmo coñecidos axudarán a formar unha opinión máis completa sobre o lado que descoñecemos dos nosos famosos.

“Toc toc, con permiso” saberá como se comportan, como é o seu día a día desde que se erguen, que lles gusta, con quen se relacionan, onde mercan, que fan no tempo libre... Para iso, os presentadores do programa, Laura López e Álex Fidalgo, converteranse no acompañante-confidente que vai compartir co famoso practicamente todos os momentos do día, sendo partícipe das súas actividades, convivencias e confesións.

Deste xeito, durante as vindeiras semanas os espectadores da TVG poderán achegarse á faciana máis descoñecida de xente do mundo do espectáculo, da canción, da moda, da televisión, da cociña, do xornalismo ou do mundo empresarial. Ernesto Chao, Patricia Pérez, Xosé Ramón Gayoso, Moncho Borrajo, Francis Lorenzo, Benigno Campos, Luís Iglesia e Cristina Pato son algúns dos famosos galegos que pasarán por “Toc toc, con permiso”.

O programa botará a andar esta noite pasando un día na vida do actor Pedro Alonso, especialmente lembrado pola audiencia galega pola súa etapa como párroco titular na serie “Padre Casares”. O espazo da TVG acompañarao na súa vida diaria en Madrid e tamén na súa casa familiar de Soutelo de Montes.

“Toc toc, con permiso” tamén se introducirá hoxe na vida da cantante Lucía Pérez, a primeira galega en representar a España no Festival de Eurovisión. O programa desprazarase a Oviedo, onde reside actualmente, e saberá como é o seu día a día na capital asturiana.

Na foto superior, a presentadora Laura López co actor Pedro Alonso.

Galería de imaxes