CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O novo programa de servizo público 'Botando unha man' explorará as iniciativas solidarias na nosa comunidade

13/05/2019

Participará nos seus proxectos e compartirá cos protagonistas momentos que falarán dos seus inicios, das necesidades que cobren e do que lles achega esa colaboración

O novo programa de servizo público 'Botando unha man' explorará as iniciativas solidarias na nosa comunidade

Santiago, 13.05.2019.-    A Televisión de Galicia estrea este luns o programa 'Botando unha man', un formato diario que ten como obxectivo explorar as iniciativas solidarias e de voluntariado na nosa comunidade.

Este novo espazo de servizo público centrarase en coñecer as persoas que están a facer algo en distintas iniciativas solidarias, nos ámbitos máis diversos. 'Botando unha man' participará nos seus proxectos e compartirá cos seus protagonistas momentos que falarán de como comezaron a colaborar, do que lles achega esa colaboración, dos problemas que solucionan, das necesidades que cobren e das dificultades do día a día.

Cada programa tratará un tema distinto e visitará persoas de distintas organizacións solidarias e de distintos lugares de Galicia, que colaboran con iniciativas do máis variado, desde a axuda ás familias con pacientes con alzhéimer ata a protección a cans e animais domésticos.

Os achegamentos aos protagonistas terán lugar dun xeito dinámico, no medio do traballo ou nalgún tipo de actividade, co programa involucrándose e aprendendo a 'Botar unha man' coma un voluntario máis. O obxectivo é envolver o espectador nas ilusións, no traballo e no ambiente, achegando unha visión positiva das actividades ás que se asome o espazo, que non se centrará nas desgrazas, senón no tesón da xente que loita por superalas.   

Na súa estrea, 'Botando unha man' coñecerá o mundo do deporte inclusivo achegándose a personaxes coma o triatleta Ángel López, a organizadora Carmen Touza ou o voluntario Chopin. Tamén gozará dunha xornada lúdico-festiva na carreira inclusiva Enki da Coruña.