CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O mellor fútbol sala feminino europeo e fútbol para todos os gustos, na oferta da CRTVG esta fin de semana

03/12/2021

A G2 e a web da CRTVG achegan, en directo, os partidos destacados da fase final da Futsal Women’s European Champions, entre os que cómpre salientar a cita do Burela

O domingo ofreceranse dous derbis galegos na Segunda RFEF: Coruxo-Arenteiro e Arousa-Compostela

Os espectadores poderán ver, amais, na G2, senllos encontros da liga francesa e portuguesa de fútbol

O mellor fútbol sala feminino europeo e fútbol para todos os gustos, na oferta da CRTVG esta fin de semana

Santiago, 03.12.2021.-  Os medios públicos galegos ofrecerán esta fin de semana dous partidos destacados da fase semifinal e a gran final da Futsal Women’s European Champions, en que participan as campioas de Liga de España, Portugal, Rusia, Italia, Croacia e Ucraína.

Desde o Pazo Provincial dos Deportes de Lugo, o sábado, a partir das 16:10 horas, poderase seguir en directo pola G2 e a web da CRTVG o encontro do Pescara de Italia contra o Benfica, favorito dun dos grupos, e o MFK Normanochka ruso co Pescados Rubén Burela (18.25 h), cabeza de serie do outro grupo e primeira ocasión en que participa neste torneo tras conquistar en 2019 a 4 Nations Futsal Cup en Milán. E o domingo, ás 13:00 horas, os medios públicos ofrecerán a final desta cuarta edición da European Champions de fútbol sala.

Ademais de fútbol sala, os afeccionados ao fútbol poderán ver destacados encontros da Segunda RFEF e, como é habitual na presente tempada, das ligas francesa e portuguesa. Así, o sábado, ás 20:50 horas, as cámaras da G2 transmitirán o R. C. Lens-PSG F. C., partido correspondente á xornada 17 da Ligue 1 francesa. O equipo visitante, líder da clasificación, chega a esta cita coa moral moi alta, xa que vén de gañar e leva 4 partidos sen perder, mentres que o conxunto local buscará a vitoria no seu estadio despois de empatar a xornada anterior.

A G2 e a web da CRTVG ofrecerán o domingo unha dobre sesión de fútbol na Segunda RFEF, con dous derbis galegos en xogo. Por unha banda, o Coruxo F. C. enfrontarase o C. D. Arenteiro (11:00 horas), situados na 16 e 14 posición da táboa, respectivamente. E pola outra, Arousa S. C.-S. D. Compostela (17:00 h), ao que acoden os picheleiros con 5 puntos por riba na clasificación.

Tamén se poderá ver na G2, ás 19:00 horas do domingo, o mellor partido da xornada da Primeira Liga lusa, S. L. Benfica-Sporting, un dos grandes clásicos do fútbol portugués, un derbi de rivalidade histórica e a esencia do fútbol lisboeta.