CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O marqués fará todo o posible esta noite en 'Lobos e cordeiros' por expulsar os Mendoza da vila

09/01/2019

A bandoleira Pepa a Loba sitúase como principal sospeitosa dun asasinato

O marqués fará todo o posible esta noite en 'Lobos e cordeiros' por expulsar os Mendoza da vila

Santiago, 09.01.2019.- Tras a estrea a semana pasada de 'Lobos e cordeiros' (22.05 h.), Televisión de Galicia ofrece hoxe o segundo capítulo desta serie de época ambientada a finais do século XIX na provincia de Ourense, que presenta nas súas tramas intriga e amores imposibles entre unha familia nobre, outra burguesa e unha terceira campesiña, cun pazo e un balneario como escenarios de fondo.

Na entrega de hoxe, o marqués quere expulsar os Mendoza, aínda que para iso teña que correr o sangue na vila de Viguña. Tras un asasinato, a investigación que inicia o capitán Bermúdez apunta como responsable a Pepa a Loba. Semella que só unha muller pode contar a verdade.

Outra historia verdadeira que sae á luz é o motivo da melancolía que ten a Aurora en cadeira de rodas. Un amor que acabou, como se cadra ten que acabar o de Helena e Mario, pois así o recomendan todos. Pero se hai alguén que non adoita facerlle caso á maioría, esa é Marta. Cansa de que os homes senten primeiro á mesa, inicia na cociña unha revolución pola igualdade.

'Lobos e cordeiros' é unha produción de Galiwood, con Giselle Llanio e Manuel Espiñeira na dirección, e con máis dunha vintena de personaxes no reparto principal, que encabezan Luís Iglesia, Miquel Ínsua, Susana Sampedro, Sabela Arán, César Cambeiro, Camila Bossa, Josito Porto, Adrián Ríos, Desiré Pillado, Sara Sanz e Simón de la Torre, entre outros.