CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O humor de “Era visto!”, comedia á galega, regresa hoxe con novas historias dun pai de familia en apuros

14/01/2012

Moncho, un home optimista e desbordado, volverá contar as súas penas diante da cámara, esta vez o sábado á noite

O humor de “Era visto!”, comedia á galega, regresa hoxe con novas historias dun pai de familia en apuros

Santiago, 14.01.2012.-  A aposta da TVG polo humor á galega poténciase co regreso da segunda tempada de “Era visto!”, un xeito diferente de achegar ao público unha comedia familiar alternativa á ficción tradicional, en que prima o humor verbal dos personaxes orixinais do universo rural galego. O protagonista é un pai de familia, Moncho (Federico Pérez), un home optimista, casado e cun fillo, que vive nunha difusa zona rural, nun chalé solitario e a medio facer ao pé dunha estrada comarcal, que se confesa diante da cámara.  

    Cada programa inclúe tres historias ou sketchs independentes sobre temas que tenden á sátira dos tópicos e costumes da vida actual, desde unha visión tradicional e familiar. A acción transcorre nese rural moderno onde os usos e costumes tradicionais se adaptan día a día aos cambios da sociedade (o traballo nos polígonos industriais altérnase co cultivo das terras e as familias aproveitan os días de feira para visitar as modernas superficies comerciais das vilas).

    Na primeira peza de hoxe, “Manobra de Heimlich”, poderá verse a envexa de dous colegas fronte ao xefe; en “Cuestión de honor” os amigos poñen en marcha un plan para acabar coas súas diferenzas e na terceira historia poderemos coñecer a moza de Lino, que vén pasar uns días a Lameiro e ameaza con quedarse a vivir co carteiro, ata o punto de facerse insoportable.  

    Un pai de familia, súa muller Elvira (Patricia Vázquez), seu fillo adolescente Kevin (Marcos Pereiro), o xefe despótico Anselmo (Manuel Manquiña) e os amigos bardallas Lino (Víctor Fábregas) e Puskas (Xosé A.Touriñán) representan tipos ben recoñecibles para o público e característicos da comedia de costumes galega.  Os personaxes falan do que lles pasa, discuten e intentan amañar conflitos cotiáns comúns, baseados na súa maior parte en temas como: a guerra dos sexos, conflito xeracional, problemas laborais e as iniciativas de ocio dos colegas.

Ficha técnica:

-Escrita e dirixida por : Carlos Ares, Xosé Castro e Andrés Mahía

-Produción: Producións Zopilote para TVG

 

 

Galería de imaxes