CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O grupo Café Quijano visita "Bamboleo" para presentar o seu novo disco

23/05/2020

Los Satélites, unha das orquestras galegas máis lonxevas, e a cantante cambadesa Pauliña tamén están convidados á velada musical deste sábado

O grupo Café Quijano visita "Bamboleo" para presentar o seu novo disco

Santiago, 23.05.2020.-    O grupo Café Quijano presenta este sábado en “Bamboleo” (21.55 h.) o seu novo sinxelo, “Mina”. Os irmáns leoneses Manuel, Óscar e Raúl interpretarán temas do seu disco : “La vida no es la, la, la”, un traballo que se centra no pop.

Los Satélites da Coruña, unha das orquestras galegas máis lonxevas, chegará con ritmos trepidantes e, no “Agora ou Nunca”, dúas voces realmente excepcionais, as de Julia Rodrigues e Marta Sanmartín, enfrontaranse no escenario, a primeira cantando “Miedo”, de M Clan, e a segunda facendo o propio con “There´s nothing holding me back”, de Shawn Mendes.

No apartado de música galega, a cantante cambadesa Pauliña presentará no programa da TVG “De-xeneración”, un disco en que aglutina os ritmos que a marcaron desde nena.

Unha parella de nenos portugueses, de Vilanova de Famaliçao, Rafael e Helena, van ser esta semana os protagonistas do “Dirtidansi”, bailando chachachá, mentres que Santi e Alicia formarán a parella de baile profesional da noite, interpretando desta volta o estilo slow fox.
    
Ademais, Lito de Arzúa e Víctor Bacoy serán protagonistas dun singular combate de chistes cun título que xa de por si dá que pensar: “De vacacións coa sogra e co cuñado”. E, para diversión máxima do público e da audiencia, chegarán “A ITV do amor”, unha das sección estrela do programa, e “A Jrileira”, en que Pilar e Marisol se enfrontarán ao karaoke cantando “Cuando me enamoro”, de Enrique Iglesias e Juan Luis Guerra.