CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 'Galicia por diante' refresca o verán da Radio Galega con novas seccións e novos colaboradores

29/06/2020

A coñecida cantante Sabela Ramil, exconcursante de OT, estréase nas ondas con "Un verán con Sabela"

A docente Pilar Ponte, coñecida como A Profa, animará os oíntes a expresárense na nosa lingua con "Curso para neofalantes"

O espazo dirixido e presentado por Kiko Novoa tamén contará coa participación dos reporteiros Álex Fidalgo, Fátima Mella e Quique Morales

O 'Galicia por diante' refresca o verán da Radio Galega con novas seccións e novos colaboradores

Santiago, 29.06.2020.-    O programa Galicia por diante, o gran magazine das mañás da Radio Galega, inaugura hoxe oficialmente o verán, xa que a partir desta semana incorpora novas seccións e novos colaboradores, que cada día, de 11:30 a 12:00 h, xusto antes do espazo "A bóla extra", achegarán divertidas e refrescantes propostas para animar  as mañás destes meses de estío.

Grande impacto nas redes sociais xerou o anuncio da colaboración de Pilar Ponte, profesora no IES da Pobra do Caramiñal. Coñecida como A Profa, foi galardoada co Premio da Cultura Galega 2019 polo proxecto 21 días co galego, co que, desde o centro docente onde imparte clases, anima a mocidade a expresarse en galego durante tres semanas, todo o día e con todo o mundo. Con "Curso para neofalantes", que se ofrecerá os xoves, Ponte empregará un anaquiño da radio pública galega para animar os oíntes a expresárense na nosa lingua. Este labor non só o fará desde os micrófonos da RG, senón  tamén en Twitter, na conta @oespazodaprofa, onde falará da súa colaboración no Galicia por diante.

O programa dirixido e presentado por Kiko Novoa tamén contará durante este verán coa presenza da coñecida cantante Sabela Ramil, exconcursante de Operación Triunfo, que os venres porá en antena a sección "Un verán con Sabela".

Para completar estas colaboracións de verán, o programa contará coas voces dos reporteiros Álex Fidalgo, que os luns falará sobre as grandes preguntas que nos facemos nesta época do ano; Fátima Mella, que os martes comentará as películas da súa vida, e Quique Morales, que cada mércores achegará historias relacionadas coa pandemia da COVID-19.