CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O 'Galicia en Goles' da Radio Galega recoñeceu os futbolistas e os clubs máis destacados do ano

29/06/2018

Éxito absoluto na entrega dos premios da Gala do fútbol galego

O 'Galicia en Goles' da Radio Galega recoñeceu os futbolistas e os clubs máis destacados do ano

Santiago 02.07.2018.-  Máis de mil  cincocentas persoas abarrotaron o salón principal do Pazo de Congresos de Santiago este venres, onde se desenvolveu a primeira edición da Gala unificada do fútbol galego. No evento, organizado pola Federación Galega, a Asociación de Clubes e mais o programa 'Galicia en Goles' da Radio Galega manifestouse un recoñecemento cos  futbolistas e equipos  mellor valorados ao longo da temporada. Iago Aspas do Celta, Adrián López por parte do Deportivo e Ramón Azeez do Lugo foron os mellores dos equipos profesionais, xunto a Pablo Rey, Juan Hernández, Rubén Arce, Elena Casal e o Rácing Vilalbés nas divisións de Segunda B e Terceira

Un dos momentos máis emotivos da noite foi a entrega a Xesús Lodeiro da insignia de ouro da Asociación de Clubes cadrando coa súa xubilación. Deste xeito, a directiva que preside Ángel Garrido recoñeceu o traballo desenvolvido polo xornalista durante  tres décadas a fronte dos deportes da Radio Galega, a primeira  etapa entre 1985 e 2005 e a segunda entre 2009 e 2015.  Lodeiro foi pioneiro no xornalismo radiofónico en Galicia, o primeiro que se atreveu a facer radio deportiva na nosa lingua, e o creador do programa de retransmisións Galicia en Goles. Fixo convivir os partidos do Dépor e do Celta cos do Vilalonga ou Gondomar, na Terceira, unha fórmula que a día de hoxe segue colleitando excelentes resultados de audiencia.

A maratoniana gala, que durou case tres horas, fíxose amena grazas ao traballo dos seus presentadores: Terio Carrera, César Méndez, Roberto Carlos Carballo e Óscar Martínez, e tamén tivo espazo para o humor coa presenza dos humoristas Touriñán e Víctor Fábregas.