CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O gaditano Abraham Mateo fará bailar esta noite a audiencia de 'Bamboleo' cos éxitos do seu último disco

11/09/2021

Noite de festa e espectáculo (22.35 h), tamén coas actuacións musicais de Antonio Luz e a orquestra M-3

O gaditano Abraham Mateo fará bailar esta noite a audiencia de 'Bamboleo' cos éxitos do seu último disco

Santiago, 11.09.2021.-    ‘Bamboleo’ chega hoxe cun espectáculo cheode música e baile. Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita dun convidado que leva media vida triunfando por todo o mundo: Abraham Mateo. Aquel neno que se fixera famoso cantando os temas dos seus artistas favoritos en programas de televisión e que chegou ao cume da fama con ‘Señorita’, interpretará esta noite éxitos do seu último disco ‘Sigo a lo mío’. Abraham Mateo cantará temas como ‘Loco enamorado’, que suma centos de millóns de reproducións nas plataformas musicais, ‘Aunque estés con él’ ou ‘A media luz’.

O talentoso Abraham compartirá vivencias e participará nos xogos que lle proporán Tamara Pérez e Claudio Pan. O showman Isi, pola súa parte, volverá facer que o público escache de risa coas súas historias incribles, pero verídicas. Esta noite tamén estará en ‘Bamboleo’ Antonio Luz. O artista de Sarreaus presentará o tema titulado ‘Non me toques o xe’, unha reivindicación do uso do galego que incluirá no seu próximo disco.

As vistosas actuacións da orquestra M-3 amenizarán esta noite de troula e, no que ao baile profesional se refire, o protagonismo será para a compañía de baile Elahood, formada polas coruñesas Sabela Domínguez e Julia Laport, que farán dúas exhibicións de danza. Andrea Solís e Toni Meijide serán os participantes do ‘Agora ou Nunca’. Cantarán dous temazos: ‘Rise up’, de Andra Day, e ‘La Mañana’, de Al Bano.

En ‘A Jrileira’ competirán dous mozos: Samu, polo Bertamiráns Fútbol Club do Concello de Ames, e Juan, polo Sanxenxo Balonmán. Primeiro cantarán ‘Por la boca vive el pez’, de Fito e Fitipaldis, e despois deberán adiviñar intérpretes de cancións. E na sección sexy do ‘Bamboleo’, ‘A ITV do amor’, un participante de público xogará contra Jorge, Paula, Raquel e Tamara. Os catro farán todo o posible para confundilo e que non dea adiviñado quen é realmente a parella de Jorge.