CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O fútbol de 2ªB é protagonista das transmisións deportivas dos medios públicos esta fin de semana

06/10/2017

O Uni de Ferrol enfróntase ao Estudiantes de baloncesto, nun partido correspondente á máxima competición feminina de España

Este domingo, o Deportivo Fabril-R.Valladolid ofrécese tamén a través de Facebook Live no perfil da Televisión de Galicia

 

 

O fútbol de 2ªB é protagonista das transmisións deportivas dos medios públicos esta fin de semana

Santiago, 06.10.2017.-   O fútbol é esta fin de semana protagonista das transmisións deportivas dos medios públicos galegos. O cronómetro ponse en marcha o sábado na tvG2, na Radio Galega e na web da CRTVG, ás 17.00 horas, co choque entre o Rápido de Bouzas e o Cerceda, no oitavo e quinto posto da clasificación e cun só punto de diferencia entre ambos os dous, promete ser un partido moi competido.

Os medios públicos galegos cambian, a continuación, de disciplina deportiva para ofrecer o Star Center Uni Ferrol-Movistar Estudiantes, partido correspondente á máxima competición feminina, a Liga Día. As galegas tiveron un comezo de Liga brillante, cunha vitoria cómoda e cun grande acerto nos lanzamentos de tres puntos.

O domingo á mañá, o protagonista volve ser o deporte rei. Os espectadores poderán seguir en directo, ás 12.00 h., o encontro que disputarán o Celta B, nun segundo posto da táboa de 2ªB, e o Toledo no estadio municipal de Barreiro, de Vigo.

No tempo de “A Liga das Cidades”, ás 17.00 horas, emitirase desde Pasarón o partido que medirá o Pontevedra co Real Madrid Castela e se ofrecerá o Deportivo Fabril-R. Valladolid B. Este último, poderase na web da Corporación (http://www.crtvg.es/) e a través de Facebook Live no perfl da Televisión de Galicia.

A Radio Galega, tamén co Obradoiro

O sábado, ás 16.00 h., Xoán Galán pon en marcha o “Galicia en Goles”, con atención especial ao Bouzas-Cerceda, o derbi da fin de semana na Segunda División B. O programa estará tamén no Anxo Carro, onde dous equipos integrados por famosos e xornalistas disputarán un partido de fútbol a beneficio da asociación Aspnais.

No polideportivo, terceira xornada da ACB co Obradoiro-Joventut no Sar e, na Liga Feminina, o Uni Ferrol recibe o Estudiantes. Os micrófonos da Galega tamén estarán presentes en Pontevedra, na Liga Asobal co Teucro-Puerto Sagunto.

Xa o domingo, a edición mediodía, que principia ás 12.00 h., retransmitirá o Celta B-Toledo, de Segunda B, e o derbi feminino Deportivo-Sárdoma. A partir das 16.00 h., o partido da xornada xogarase en Los Cármenes, onde o Lugo visita o Granada, un ex da Primeira. O equipo galego atópase nun momento doce tras gañar catro partidos consecutivos. Antes deste encontro, a Segunda B e a Terceira serán os protagonistas, co Pontevedra-Castilla, Fabril-Valladolid B, Navalcarnero-Coruxo e Segoviana-Rácing de Ferrol como principais argumentos.