CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O filme participado pola TVG ‘Honeymoon’, de rodaxe en Ourense, con Javier Gutiérrez e Nathalie Poza á fronte

10/05/2022

A chegada dos seus protagonistas, na segunda semana de gravación da película, revoluciona a cidade

O filme participado pola TVG ‘Honeymoon’, de rodaxe en Ourense, con Javier Gutiérrez e Nathalie Poza á fronte

Santiago, 10.05.2022.-   ‘Honeymoon’, nova longametraxe participada pola TVG, continúa a súa rodaxe en Ourense, coa incorporación dos seus intérpretes principais Nathalie Poza e Javier Gutiérrez. A chegada dos protagonistas está revolucionando a cidade, que asiste á segunda semana da gravación desta roadmovie, dirixida por Enrique Otero. Televisión de Galicia participa neste filme no marco do coñecido como o cumprimento do 6 %, en apoio ao sector audiovisual galego.

A película, que se desenvolve en diferentes localizacións da cidade, como a céntrica rúa do Paseo ou a Universidade, é un thriller dramático con tinguiduras de humor negro, protagonizado maxistralmente por Poza e Gutiérrez. O elenco complétase cun excepcional reparto, con Fernando Albizu, Pablo Derqui, Antonio Durán 'Morris', María Vázquez e María Tasende á cabeza.

A rodaxe de ‘Honeymoon’ arrancou a finais de abril en Santiago de Compostela e finalizará en xuño en Valladolid. Esta nova película de Otero conta a realidade dun matrimonio en destrución, que se enfronta á morte do seu fillo durante unha viaxe deste aos Estados Unidos.

A produtora ControlZ (‘Crebinsky’) produce esta longametraxe, xunto a AccaMedia, coa subvención de Agadic e o patrocinio do Xacobeo 21-22. Ademais, o proxecto conta co apoio da TVG, a Deputación de Ourense e a Valladolid Film Commission, aos que se suma Filmax para a súa distribución.