CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os fenómenos virais Twin Melody e Abraham Mateo chegan a 'Luar', que tamén contará cos sons do Coro Toxos e Froles

03/12/2021

A música da nosa terra estará presente esta noite, amais, nas intervencións de Os terribles de Arousa e a orquestra Los Player’s

Os fenómenos virais Twin Melody e Abraham Mateo chegan a 'Luar', que tamén contará cos sons do Coro Toxos e Froles

Santiago, 03.12.2021.-  Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán a benvida esta noite a un dúo de artistas que acadaron o éxito internacional nas redes sociais, converténdose nunhas das tiktokers máis aclamadas nesta plataforma de moda entre a xente nova, as Twin Melody. Estas irmás vascas, chamadas Aitana e Paula, con máis de 16 millóns de seguidores, triunfan coa súa música, cos seus bailes, retos e titoriais dos que darán boa conta esta noite en ‘Luar’ (21.55 h).

Este venres tamén destaca no elenco de convidados outro artista que arrasa entre as novas xeracións e con proxección internacional, o cantante, compositor e bailarín Abraham Mateo, que acumula tamén máis de 15 millóns de seguidores nas súas redes sociais e é todo un fenómeno nos mercados de música española e latina.

Neste primeiro programa de ‘Luar’ do mes de Nadal dedicado a Ferrol, algúns dos contidos e convidados da noite estarán relacionados con esta cidade, como é o caso do Real Coro Toxos e Froles, unha das nosas agrupacións de divulgación e recuperación da música tradicional galega máis recoñecidas e cunha maior traxectoria.

A música da nosa terra seguirá soando no espazo nas intervencións de Os Terribles de Arousa, grupo que leva máis de tres décadas animando todo tipo de eventos coas súas escollas da tradición folclórica galega, e da orquestra pontevedresa Los Player’s, que co seu espectáculo encherán de festa e diversión o escenario de ‘Luar’.

No que respecta ás intervencións humorísticas, o programa gozará coas divertidas propostas de Carmen, Gelines e don José, personaxes aos que dan vida Carlos Sante, Pablo Sánchez e Xaquín Domínguez, e do dúo formado por Campos e Crespo.

Finalmente, Diego Méndez (Arousa) e Carminha (Vigo) competirán esta noite no certame ‘Recantos’. E pola súa parte, o concurso telefónico disporá este venres dun bote acumulado de 2.000 euros.

Inicio en ‘Luar’ da campaña #BrillaNaEscuridade

Este venres, a CRTVG en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil, lanza #BrillaNaEscuridade no programa ‘Luar’, unha iniciativa que persegue mellorar a seguridade nas estradas, e reducir os atropelos e as mortes pola pouca ou nula visibilidade dos peóns nestas vías.

No marco da súa Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG quere contribuír a isto cunha serie de accións nos seus programas de máis audiencia. Ademais, os principais informativos tratarán tamén esta cuestión e darán voz á campaña da DXT #FaiteVer para sensibilizar a poboación.

Esta nova campaña da CRTVG está destinada a que, coa axuda dos chalecos e elementos reflectores, os peóns brillen na escuridade e para iso vai facer diferentes accións sorpresa involucrando o público e os equipos de traballo dentro súa programación.