CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O espazo '¡Quanta guerra!' de TV3, Premio Pello Sarasola ao mellor programa da FORTA

09/03/2023

O galardoado impúxose ás outras dez producións que optaban a esta distinción e que se resolveu en Santiago de Compostela

Esta distinción rende homenaxe á memoria de Pello Sarasola, impulsor da colaboración entre as diferentes canles autonómicas

O espazo '¡Quanta guerra!' de TV3, Premio Pello Sarasola ao mellor programa da FORTA

Santiago, 09.03.2023.-   O programa ‘Quanta guerra!’ de TV3-CCMA, é o gañador da oitava edición do Premio Pello Sarasola, convocado pola Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) para galardoar os mellores programas desenvolvidos por parte das televisións públicas autonómicas. O xurado, composto por responsables de contidos das canles integradas en FORTA, decantouse por este programa documental de divulgación histórica, que se impuxo aos outros dez candidatos. O ditame tivo lugar en Santiago de Compostela, onde teñen lugar esta semana as xornadas formativas da Comisión de Contidos da FORTA, en que se que vai debater sobre os retos das canles autonómicas en canto a formatos e tendencias de consumo audiovisual. O galardón foi entregado polo secretario xeral da FORTA, Enrique Laucirica.

‘Quanta guerra!’ da televisión autonómica catalá gañou esta edición, á que tamén se presentaron o documental ‘Los días que vivimos’, da televisión canaria (TVPC); o programa cultural ‘Soy quien más sabe de la región’, de CMM, de Castela-A Mancha; a miniserie documental ‘Munar’, de IB3; o programa diario de Telemadrid ‘Madrid Directo’; o programa social ‘Desafío Ártico’, da andaluza CSRTV; o espazo de entretemento e humor ‘Land Rober Tunai Show’, de CRTVG; o concurso de AragónTV ‘Basura o Tesoro’; a docuserie ‘Necesito ayuda’, da canle vasca EiTB; o docu-reality ‘400’, de À Punt, e o programa social da canle asturiana RTPA ‘El borrador’.

Enrique Laucirica destacou que “o Premio Pello Sarasola pon de relevo o gran traballo que as radiotelevisións autonómicas desenvolven na industria audiovisual española. Tanto os premiados como as candidaturas presentadas amosan contidos e tendencias dun elevado interese que veñen marcados polo traballo que se leva a cabo en materia de innovación e dixitalización das canles”. Laucirica concluíu sinalando que “o noso papel como medios de comunicación públicos é actuar como axentes da verdade e como ferramentas didácticas e de interese para o conxunto da sociedade e é por elo que recoñecementos como os Premios Pello Sarasola son un reclamo para continuar co labor de FORTA para esta industria”. 

Homenaxe á vía de colaboración aberta por Pello Sarasola

Con este premio réndese homenaxe á memoria de Pello Sarasola, impulsor da colaboración entre as diferentes canles autonómicas, falecido en 2015, profesional que ocupou postos clave da radiotelevisión vasca, entre outros. Entre os obxectivos principais deste galardón está o de recompensar os valores que guían as televisións autonómicas, como a proximidade, a identidade e a notoriedade dos territorios onde están implementadas cada unha das canles autonómicas participantes.