CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O espazo 'Destino Santiago' achégase a 24 millóns de visualizacións en Twitter na súa primeira semana de emisión

29/03/2017

A emisión en 'streaming' da peregrinación a Compostela de Lucía Pérez e Tonhito de Poi estase seguindo en países tan variados como Xapón, O Reino Unido ou Suíza

Este innovador espazo da TVG pode comentarse en Facebook, Instagram e Twitter no perfil 'Destinostgo', e verse na web www.destinosantiagotvg.gal

O espazo 'Destino Santiago' achégase a 24 millóns de visualizacións en Twitter na súa primeira semana de emisión

Santiago. 29.03.2017-  O novo espazo da Televisión de Galicia 'Destino Santiago', que segue en tempo real e desde o 21 de marzo a peregrinaxe a Compostela dos artistas Lucía Pérez e Tonhito de Poi, está a ter un amplo seguimento en redes sociais. O programa, que se pode ver en directo en streaming durante doce horas ao día, conta con presenza en Twitter, Instagram e Facebook, onde os espectadores interactúan a diario. Dende a creación da conta @Destinostgo, os chíos do programa xa recibiron máis de 23 millóns e medio de visualizacións en case 4.000 publicacións.

Ademais, o público que está pendente da aventura de Lucía Pérez e Tonhito de Poi deixa cada día os seus comentarios no perfil de Facebook do espazo, con publicacións que chegan a máis de 13.400 persoas nun so día. A emisión en streaming a través da web da CRTVG está a ter tamén un gran alcance. Conta con seguidores en países tan variados como O Reino Unido, O Xapón, Suíza, Alemaña, Estados Unidos, Francia, Holanda, Bélxica ou México. Tamén se segue en cidades coma Madrid, Barcelona ou Valladolid.

Os usuarios das canles dixitais da CRTVG están a apoiar o proxecto pioneiro en España da CRTVG, primeira canle estatal en implementar a coñecida como slow TV ou televisión amodiño - na súa versión galega -, un modelo xurdido nos países nórdicos. Os medios públicos galegos emiten 'Destino Santiago', de luns a venres e de 8.00 a 20.00. h, en multiplataforma, polo que se pode seguir na web www.destinosantiagotvg.gal, nas emisoras públicas galegas de radio e televisión, e en redes sociais.