CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O espazo da Galega 'Cos pés na terra', finalista nos Premios Pro-Docs á Mellor Serie Documental

12/05/2022

O gañador desta categoría, co que a Asociación de Produtores de Documentais recoñece, por primeira vez nos galardóns, as mellores obras documentais televisivas do ano pasado, coñecerase o próximo 18 de maio
  

O espazo da Galega 'Cos pés na terra', finalista nos Premios Pro-Docs á Mellor Serie Documental

Santiago, 12.05.2022.-  O espazo da TVG  ‘Cos pés na terra’ é finalista nos Premios Pro-Docs 2022 á mellor serie documental. Estes galardóns, que concede a Asociación de Produtores de Documentais, recoñecen as mellores obras documentais televisivas do ano pasado, poñendo o acento no talento, a calidade e a riqueza que existe arredor deste xénero televisivo. Nesta novena edición, os Premios Pro-Docs incorporan por primeira vez a categoría de mellor serie documental televisiva para distinguir o formato das producións por capítulos.

Dirixido por Diego Guerrero Sande e producido por Filmax e a CRTVG, ‘Cos pés na terra’ compite na categoría de Mellor Serie Documental con ‘O rei. Joan Carles I, media vida en Marivent’, producida por MOM Works e IB3 e codirixida por Marta Hierro e Núria Abad; ‘Terres de cinema’, producida por Andana Audiovisual, Lof Media e Á Punt, está dirixida por Fran Ruvira, e ‘¿Dónde está Marta?’, de Cuarzo Producciones (Banijay) e Netflix, baixo a dirección da galega Paula Cons.

‘Cos pés na terra’ é unha serie documental que a TVG emite os luns no prime time, e que foi estreada no ano 2011. Cunha periodicidade semanal, en cada entrega amosa tres historias humanas de homes e mulleres que apostan por construír a súa vida no campo e como medio de desenvolver o traballo. Os gañadores dos Premios Pro-Docs 2022 coñeceranse o próximo 18 de maio no transcurso da gala inaugural do 25 Festival Internacional de Cine Documental ‘DocsBarcelona’.