CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O equipo de Un rural de cine II visitou a CRTVG e participou en 'A revista'

09/08/2019

Rapazas e rapaces de varias nacionalidades están a realizar unha curtametraxe sobre as mulleres rurais galegas neste campo de traballo audiovisual

O director Xabi López e o realizador Miguel Grandío falaron en ‘A revista’ sobre este proxecto, que se está a desenvolver en Cercedo-Cotobade

 

O equipo de Un rural de cine II visitou a CRTVG e participou en 'A revista'

Santiago, 09.08.2019.- As rapazas e rapaces do campo de traballo audiovisual Un rural de cine II visitaron o venres as instalacións dos medios públicos galegos como parte deste programa no que van realizar, baixo a dirección de Xabi López, unha curtametraxe sobre as mulleres rurais galegas. No marco da súa visita á CRTVG, membros do equipo foron entrevistados en ‘A revista’ para falar desta iniciativa que quere pór en valor o rural galego.

‘Un rural de cine: a muller é vida’ é o nome da peza audiovisual que xa están a realizar no municipio de Cercedo-Cotobade (Pontevedra). Como explicaron o director Xabi López e o realizador Miguel Grandío, o proxecto trata sobre igualdade de xénero, apoderamento e a muller no rural galego. O obxectivo é, segundo destacaron, dar voz a estas mulleres e visibilizar como é a vida no agro.

O equipo está composto por unha vintena de persoas de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas, pero tamén de Francia, Italia, Grecia e República Checa. O voluntariado en que están a participar dura 12 días e forma parte da Campaña de Verán 2019 da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, e tamén do Goberno de España.