CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O equipo de "Grandes Lugares" percorrerá a xeografía galega visitando hoxe Santa María de Astariz, Dorra-Senande e San Xulián

14/02/2018

O programa (23.20 h.) achegarase a terras de Castrelo de Miño, Antas de Ulla e Pontecesures

O equipo de "Grandes Lugares" percorrerá a xeografía galega visitando hoxe Santa María de Astariz, Dorra-Senande e San Xulián

Santiago, 14.02.2018.-    A primeira parada do “Grandes Lugares” de hoxe estará no concello ourensán de Castrelo de Miño, concretamente na aldea de Santa María de Astariz, un territorio especial, fluvial e montañoso a partes iguais. Así, os seus veciños viven da terra e do Miño encorado. Astariz é unha terra de emprendedores e de creatividade. O mellor exemplo coñecerase con Ismael, un luthier que crea instrumentos de museo desde cero.

A continuación, o programa visitará Dorra-Senande, un gran lugar do concello lucense de Antas de Ulla. Nesta terrra a horta e os produtos autóctonos son os protagonistas. A calma diaria de Dorra-Senande soamente se ve interrompida polo son duns palillos. No programa de hoxe coñecerase o segredo que agocha esta aldea, posto que un veciño atesoura a auténtica máquina de Xián. Ademais, prestaráselle atención as capelas da vila, vitais para entender o pasado e a tradición da aldea.

Por último, “Grandes Lugares” chegará a San Xulián, unha parroquia do concello pontevedrés de Pontecesures. Neste lugar, bañado polo río Ulla, hai un sabor especial a música e a lamprea. Os seus veciños son inspiradores, tanto con pinceis coma con agullas. No programa, a Asociación Estornela amosará a arte con palillos e os membros da coral demostrarán que a música vai  moito máis aló dun oficio.